Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A muller de Muros que levou o mar á empanada

María del Carmen Sánchez decidíuse a deixar atrás o sector téxtil no que levaba anos traballando para reinventarse entre as mareas da ría de Muros-Noia

Tras anos de estudo, hoxe lidera Galuriña, unha empresa muradá pioneira en Galicia, que innova con pans, empanadas e pizzas a base de algas e que vén de ser recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

María del Carmen Sánchez posa con diferentes empanadas do seu catálogo

María del Carmen Sánchez posa con diferentes empanadas do seu catálogo / Cedida

Mario Fajardo

Santiago

Cando María del Carmen Sánchez decidiu abandonar o mundo do téxtil, non sabía que a súa vida ía virar cara o mar. Unha charla sobre as algas, os seus beneficios e o seu potencial abriu unha porta que xa non se pecharía nunca. «Saín daquela charla cunha inxección de enerxía», lembra. «Non sabía nada, pero vin que había un gran potencial e quixen aprender». Foron oito anos de estudos, cursos e probas ata que a idea de mesturar as algas coa panadaría tradicional foi collendo forma.

A primeira empanada foi unha proba para familiares e amigos, e de aí comezou un proceso de aprendizaxe. «Empecei así, sen coñecemento, pero con moitas ganas. Fun dándolle forma cos anos», di. A natural de Muros recoñece que non viña do mundo da panadaría nin da alimentación, e cando comezou, apenas había referencias: galletas que podían facerser con algas, pero nada tan galego e tradicional como a empanada. 

A súa intuición levouna a solicitar un plan de explotación de algas, algo insólito para quen non tiña barco nin era mariscadora profesional. «Ao principio denegáronmo, porque dicían que nese caso calquera restaurante podería pedilo. Pero eu explicáballes que non era un restaurante, que me ía dedicar exclusivamente a iso. Cando é algo novo sempre hai reticencias, pero despois entendérono», lembra.

«Pensei moitas veces en tirar a toalla»

O proxecto comezou formalmente en 2012, pero esos inicios non foron nada sinxelos. Os primeiros seis anos foron duros, marcados pola burocracia. «Estiven catro anos paralizada sen poder facer nada pola licenza de apertura, e outros dous por problemas coa Consellería de Pesca. Foron seis anos sen ventas, anos burocráticos», conta. A súa perseveranza naceu da convicción: «Desde o inicio vía unha luz ao final. Sabía que o camiño era ese, aínda que non soubese como chegar. Pensei moitas veces en tirar a toalla. Foron anos dunha paciencia moi grande». Cando por fin puido producir, tivo claro o camiño: a ecoloxía. «Era un produto saudable, e vin que o meu potencial estaba nese tipo de cliente».

A masa das empanadas e pizzas de Galuriña é o corazón do proxecto. Cada alga ten as súas propiedades e comportamentos nas fermentacións. «Non é o mesmo usar unha, tres ou catro. Hai algas que espesan máis, outras menos. As masas cambian moito», explica. A clave foi atopar o equilibrio para lograr unha textura lixeira e un sabor que lembre ao mar sen resultar intenso. «As algas potencian os sabores, deixan un saborciño moi bo, agradable».

Producto galego con presenza nacional e internacional

A recolección das algas é manual e ten o seu propio calendario. «Funciona como o marisqueo. Fago un plan cada ano, dicindo que días vou ir, cantos quilos recollo e que especies. As algas son estacionais: de abril a setembro», explica.

A muradá recolectando as algas que usará nos seus productos

A muradá recolectando as algas que usará nos seus productos / Cedida

Recólleas aproveitando as mareas vivas, e logo procédese ao lavado, limpeza e deshidratación. «En 12 horas teñoas deshidratadas, para que non perdan valor. Despois trituroas e gárdoas en bolsas». No obradoiro, as algas combínanse coas masas e cos recheos elaborados con productos de proximidade.

Non vende ao público directo, senón a restaurantes, cáterings ou mesmo colexios. Galuriña serve xa por diversos puntos de España, con clientes en Madrid, León, Almería, Barcelona e Galicia, e incluso con pedidos ocasionais a Italia

Neste 2025 recibiu o segundo premio dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, outorgado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. «Presenteime por casualidade , e a xente mostrou moito interese».

Aos 62 anos, María del Carmen pensa tamén no futuro: «Voulles deixar un bo traballo aos que veñan detrás, se o queren ter. Creo que hai potencial, pero hai que querer facelo e valorar o que temos aquí».

Defende que Galicia non é consciente do seu tesouro. «Temos un potencial enorme e non o sabemos. Hai que aproveitar o produto transformado, ser pioneiros e darnos a coñecer. Nas nosas rías temos un valor que hai que coidar e mostrar ao mundo».

Tracking Pixel Contents