Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O novo goberno de Noia destina 850.000 euros ao pagamento de facturas pendentes deixadas polo anterior executivo

O Concello afronta o 77% da débeda con provedores, grazas a unha achega da Deputación da Coruña e medidas de aforro municipal

Casa do Concello de Noia

Casa do Concello de Noia / Cedida

El Correo Gallego

Noia

O Concello de Noia avanzará nas próximas semanas no pagamento da maior parte das facturas pendentes deixadas polo anterior goberno municipal, encabezado por Santiago Freire (PP). O novo executivo, liderado polo alcalde Francisco Pérez, atopouse ao inicio do mandato cunha débeda acumulada de 1,1 millóns de euros con provedores, incluíndo traballos realizados en 2022, así como obrigas con outras administracións.

Segundo explicaron o rexedor e o concelleiro de Facenda, Manolo Seijas, o actual goberno conseguiu planificar o pagamento de ata 850.000 euros, o que supón arredor do 77% da débeda total. Este desembolso será posible grazas a unha axuda da Deputación da Coruña, que achega 260.000 euros, e a unha política de contención do gasto que permitiu liberar outros 210.000 euros. Ademais, 380.000 euros sairán do remanente de tesourería municipal.

O 23% restante, aproximadamente 250.000 euros, quedará pendente para o próximo exercicio económico. O concelleiro Seijas xustificou este atraso asegurando que «é imposible sanear en só catro meses unha situación de débeda tan grave e acumulada».

O goberno municipal priorizará neste primeiro pagamento ás pequenas empresas e autónomos locais, moitos deles con facturas pendentes desde 2022. Seijas afirmou que «as empresas estaban afogadas; o goberno anterior deixou facturas sen crédito nin planificación orzamentaria, e tivemos que actuar con urxencia para evitar un colapso financeiro», e destacou que este paso é esencial para «avanzar cara o saneamento das contas e apoiar aos provedores locais».

O alcalde Pérez sinalou que o resto das facturas, que se abonarán ao longo do próximo ano, corresponden en boa parte a débedas con compañías eléctricas e a expedientes con dúbidas legais, que requiren revisión antes do pagamento. Ademais, lembrou que o Concello debe facer fronte a unha débeda adicional de 5,5 millóns de euros con distintas administracións, entre elas a Xunta, a Mancomunidade Serra do Barbanza e a propia Deputación da Coruña.

Pérez afirmou que o executivo está a realizar «un esforzo enorme para estabilizar as contas municipais e devolver a credibilidade económica ao Concello», destacando que o apoio da Deputación foi «decisivo» para iniciar a recuperación financeira.

Dende o goberno local explican que con este movemento buscan reverter o desorde económico herdado e garantir a estabilidade orzamentaria, ao tempo que tenta reconstruír a confianza co tecido empresarial de Noia.

Tracking Pixel Contents