Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

COSTA DA MORTE - BARBANZA

Orzamentos: «positivos» para o PP, «fume», segundo o BNG, e «raquíticos» para o PSOE

O goberno de Muros critica que non se adique "nin un euro" ao seu concello

A ampliación da VAC de Costa da Morte é o maior investimento previsto na Costa da Morte.

A ampliación da VAC de Costa da Morte é o maior investimento previsto na Costa da Morte. / J. M.

Carballo

Os orzamentos presentados pola Xunta de Galicia para 2026 xeraron, como é habitual, valoracións contrapostas dos distintos grupos políticos. Respecto das partidas asignadas á Costa da Morte, os deputados do PP, Rubén Lorenzo (Carballo), e Paula Mouzo (Camariñas) coincidiron en que «son moi positivas» e responden ás necesidades destas comarcas.

Subliñaron os 8 M€ para «impulsar a VAC Baio-Berdoias, unha infraestrutura fundamental para vertebrar a Costa da Morte e mellorar a mobilidade».

Pola súa banda, o BNG cualifica de «nefastos e puro fume» os orzamentos. O responsable comarcal Xurxo Rodríguez, considera que as contas son «unha tomadura de pelo» e cre que o PP «segue a enganarnos e insiste en condenar á Costa da Morte a un trato discriminatorio».

Lembra que os 8 M€ da autovía xa figuraban no orzamento de 2025 «e non se executou nada este ano». Denuncia tamén que o servizo de quimioterapia do hospital de Cee «tiña que estar en funcionamento en setembro e aínda está en obras».

Infraestruturas que se pintan no papel

Dende o PSOE, a deputada Patricia Iglesias cualificou de «enteiramente decepcionantes, raquíticos e regresivos» os orzamentos para Barbanza e Costa da Morte. No caso do Barbanza, «vemos que hai infraestruturas que se pintan no papel, pero que se veñen reiterando desde hai 17 anos». Entre elas, mencionou o saneamento e depuración da ría de Muros e Noia e o abastecemento do sistema da marxe dereita da ría de Arousa.

Tamén se referiu ao anuncio que fixo esta fin de semana a conselleira Fabiola García sobre o desbloqueo da residencia de maiores en Ribeira, lembrando que «é un proxecto que co anterior goberno estaba enteiramente bloqueado por parte da Xunta, malia existir unha cesión de terreos por parte do Concello». Curiosamente, engadiu, «despois da moción de censura, parece que se desbloquea, o que amosa unha utilización absolutamente partidista dos recursos públicos da Xunta de Galicia».

Respecto á Costa da Morte, Iglesias afirmou igualmente que «se inclúen os compromisos de sempre, que logo non se executan», como a variante de Carballo, «unha reivindicación que teñen que saber os galegos e galegas que se fixo co goberno de Touriño», lembra. Destacou tamén «o tramo de 5,5 quilómetros de autovía da Costa da Morte, que tamén anunciou o señor Feijóo no 2014» e que «ao final é unha ampliación que non vai ser autovía porque non vai ter dobre vía».

Decepción na capital muradá

Pola súa banda, o grupo de goberno de Muros considera «moi decepcionantes e unha falta de respecto para a nosa veciñanza os orzamentos. Nin un só euro en investimentos directos ou proxectos para Muros; é triste ver o listado de obras que a Xunta executará na comarca e na provincia e non atopar nada para o noso concello», afirmou a alcaldesa, María Lago.

“Os centros educativos de Muros demandan reformas estruturais; levo reclamando dende hai dous anos a implicación da Xunta na renovación da rede de saneamento; estamos pendentes da nova sede dos xulgados; do mantemento das pasarelas, como a de Louro, e outros proxectos para o noso concello que a Xunta segue sen desbloquear”, lembrou a rexedora.

«Esta forma de facer política, completamente partidista, non é un castigo para o goberno de Muros, é un castigo para os nosos veciños», subliñou. No obstante, sinalou que seguirá "loitando e reclamando un trato digno para Muros, un concello borrado do mapa pola Xunta de Alfonso Rueda”, rematou María Lago.

Tracking Pixel Contents