AUDIOVISUAL
Baio convértese na capital galega do audiovisual cos Premios Fouciño
O festival comeza este xoves coa proxección de 'Pura', de Carmen Méndez

Integrantes do equipo organizador dos Premios Fouciño, de Baio. / Cedida
Baio (Zas) será a capital galega do audiovisual coa celebración dos V Premios Fouciño, que porán o foco no «social, no innovador e sempre partindo desde o carácter local e íntimo das historias que se volven universais», afirman desde a organización.
Trátase dun festival de curtametraxes no que participan profesionais e novos talentos de toda a comunidade. Está organizado polo Concello de Zas e a Asociación Premios Fouciño, coa colaboración da Deputación da Coruña. A maior parte das proxeccións e outras actividades paralelas terán lugar no baixo do Edificio Plaza.
O festival arranca este xoves, a partir das 20.00 horas, cunha sesión inaugural presidida polo alcalde de Zas, Manuel Muíño. A continuación, proxectarase a curta Pura, de Carmen Méndez, madriña desta edición, e haberá un coloquio coa directora.
Karaoke cinéfilo
O venres continuará a programación a partir das 20.00 horas cunha sesión de proxección de curtas entre as que estarán Delincuente, de Alba Domínguez e Nuria Vil; O Coidado, de Miguel Canalejo; Abellón, de Fon Cortizo; e La Casa de la Abuela, de Ashling Ocampo. A sesión rematará coa actuación de Sofi Peries e cun karaoke cinéfilo no que haberá xurado, premios e queimada.
O sábado será o día grande dos Premios Fouciño. Ás 13.00 horas haberá dúas proxeccións: Un peixe é un peixe é un peixe, de Marilar Aleixandre e Alberto Pombo; e tamén se proxectará a curtametraxe realizada durante o obradoiro infantil coincidindo coa campaña comercial Punto Rojo de Baio, tamén organizada polo Concello de Zas e a Asociación BaiOn. Ademais, o baiés Alejandro Gándara amosará en exclusiva as primeiras imaxes da súa última peza A costa e os castelos. Para rematar esta primeira cita do día actuarán Ramón Carballo e DJ Tristón.
Pola tarde, a partir das 18.00 horas, proxectaranse as doce curtametraxes que participan no certame, seis na categoria xeral e seis na categoría escolar. O público terá aquí un papel relevante xa que emitirá as súas votacións das curtametraxes e do concurso de escaparates no que participaron diferentes establecementos comerciais da vila.
Fin de festa con concertos
O fin de festa trasladarase á Praza Jorge Mira, onde a partir das 22.00 horas se realizará a entrega de premios que estará acompañada dunha sesión de concertos na que actuarán Antía Muíño, Ulex, 9Louro e ToñitaDJ.
O alcalde, Manuel Muíño, destaca a importancia que ten este certame para Baio e para todo o municipio. «Detrás dos Premios Fouciño hai unha grande implicación tanto da veciñanza como do tecido comercial, e iso fai que o noso municipio sexa un referente no sector audiovisual galego, un espazo no que teñen cabida tanto profesionais como novos talentos».
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Raúl López: «Los presupuestos son más altos que en ACB»
- Los vecinos del Ensanche de Santiago señalan ante Raxoi y la Policía 15 locales de ocio nocturno conflictivos
- El mejor quinteto de la historia del Obradoiro vuelve a reunirse
- Una farmacia de Boiro entre las mejores de Galicia
- Ames y Teo se cuelan en el Top 10 de los concellos coruñeses de mayor renta
- Arde un coche por completo en plena autopista mientras circulaba por Santiago
- El influencer gastronómico Cenando con Pablo visita un asador en Teo y su reacción no deja indiferente a nadie: 'Atención a este crimen