URBANISMO
Coristanco humaniza e mellora a accesibilidade de tres prazas
As actuacións, valoradas en 300.000 €, foron cofinanciadas ao abeiro do Plan Hurbe

A conselleira, cuarta pola dereita, e o alcalde, terceiro, na praza de San Roque. / MONCHO FUENTES
A Xunta investiu máis de 200.000 euros na humanización de tres prazas de Coristanco ao abeiro do Plan Hurbe. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao alcalde, Juan Carlos García; á delegada da Xunta, Belén do Campo; e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou a praza de San Roque, mellorada a través desta actuación xunto ás prazas de San Antonio e do Cruceiro, no lugar de Agualada.
Leváronse a cabo intervencións para unificar os distintos espazos e mellorar a accesibilidade. A conselleira puxo en valor a colaboración entre administracións para abordar estas actuacións de recuperación e transformación do espazo público ao abeiro dun urbanismo sostible, «para poder mellorar a calidade de vida da veciñanza».
Puntos de encontro
Allegue subliñou a mellora acadada, destacando que estes lugares se converten «en novos puntos de encontro da veciñanza e axudan tamén a atraer e asentar poboación, ao mellorar e modernizar as nosas vilas».
A través do convenio asinado entre Xunta e Concello, a Administración autonómica aportou o 70% do investimento total, máis de 300.000€, ademais de licitar e contratar as obras, mentres que a Administración local asumiu o 30% restante e elaborou o proxecto das actuacións.
Na rúa e na praza de San Roque, a intervención permitiu dar un mellor acceso desde o centro do pobo, coa ampliación de beirarrúas no inicio da rúa. Ademais, dotouse de iluminación á zona, unificáronse os paseos e recolocaranse bancos, farois e papeleiras. Tamén se regularizou o acceso á área de xogos e delimitouse a zona de aparcamentos e a dun carril bici.
Por outra banda, as obras desenvolvidas na praza de San Antonio permitiron unificar o pavimento da praza, substituíndo baldosas danadas. Ademais, recolocáronse as árbores existentes no lado da fonte, para ofrecer un mellor acceso á praza.
No que atinxe á praza do Cruceiro, abordouse unha plataforma única para integrar o colexio coa zona de xogos infantís, creando unha zona preferentemente peonil e facilitando a accesibilidade da zona, coa desaparición das estreitas beirarrúas e a creación dun espazo máis amplo. Así mesmo, plantáronse árbores, dotouse de iluminación e creouse un aparcamento.
Orzamentos
«Seguiremos colaborando para seguir sumando espazos máis amables e accesibles», engadiu a conselleira. Neste senso, destacou que nos orzamentos do 2026, a provincia da Coruña ten consignados 9 millóns de euros en materia de urbanismo. Os esforzos centraranse en seguir a impulsar o acceso á vivenda.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- El mejor quinteto de la historia del Obradoiro vuelve a reunirse
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: "Me han enterrado a un amigo dos veces"
- Ames y Teo se cuelan en el Top 10 de los concellos coruñeses de mayor renta
- Tres restaurantes con alma compostelana, entre las mejores aperturas de España
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos