Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames aposta de novo polo galego nas empresas coa oitava edición dos Premios Lingua e Empresa

O Concello abre o prazo para que negocios locais se presenten a un certame que busca recoñecer o uso da lingua galega no ámbito económico

Hai 3.000 euros en premios repartidos en dúas categorías

Desde a esquerda: Jorge López, Rosa Moreiras, Blas García, Beatriz López e Ramón Cordido

Desde a esquerda: Jorge López, Rosa Moreiras, Blas García, Beatriz López e Ramón Cordido / Cedida

El Correo Gallego

Ames

O Concello de Ames vén de poñer en marcha, por oitavo ano consecutivo, os Premios Lingua e Empresa, unha iniciativa que pretende recoñecer e promover o uso do galego no sector empresarial. Poderán optar aos galardóns todas as empresas con sede ou centro de actividade no municipio, que poderán inscribirse ata o 21 de novembro.

Os premios, organizados polas Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, repartirán 3.000 euros entre dúas categorías: unha para empresas cun uso consolidado do galego e outra para aquelas que incorporaron recentemente a lingua ás súas comunicacións e servizos. Ademais, as gañadoras recibirán unha campaña de difusión en Ames Radio.

Na presentación da oitava edición, que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello, estiveron presentes o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e tres representantes da Xuntanza de Empresarios de Ames: o presidente, Ramón Cordido, un dos vogais, Jorge López, e a xerente, Beatriz López.

O rexedor amesán, Blas García, destacou que «imos pola oitava desta iniciativa, polo que xa son uns premios consolidados». O rexedor lembrou que «xa participaron preto dun cento de empresas do noso concello, que amosa a gran variedade do noso tecido comercial e empresarial e tamén a súa aposta polo uso do galego».

García engadiu que «o uso do galego no comercio e no sector empresarial é sinónimo de calidade e de proximidade» e insistiu na importancia de seguir apoiando este tipo de campañas «para que o galego non sexa unha lingua morta».

Pola súa banda, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, subliñou que «en Ames xa son moitas as empresas que traballan con normalidade en galego, polo que é importante fortalecer e establecer unha rede de empresas que usan o galego». Engadiu tamén que «o uso da lingua galega é unha marca de distinción, de responsabilidade social e de confianza».

Dende a súa creación, preto de 75 empresas participaron neste certame, e 16 delas foron premiadas. A iniciativa pretende seguir visibilizando o compromiso do tecido empresarial amesán coa lingua galega, valorando aspectos como o uso do idioma na comunicación interna e externa, nas redes sociais, na publicidade ou na atención ao público.

Tracking Pixel Contents