Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ACOLLIDA

A Laracha facilita a inclusión de dezaoito mulleres inmigrantes

Proceden de seis países e participan nun taller de alfabetización e nun espazo de socialización

Participantes no programa 'A Laracha acolle'.

Participantes no programa 'A Laracha acolle'. / C. Laracha

A Laracha

O Concello da Laracha ten en marcha unha nova edición do programa A Laracha acolle, dirixido ás persoas inmigrantes empadroadas no municipio, prioritariamente, ao colectivo das mulleres, e ten por finalidade a inclusión social e cultural.

Participan 18 mulleres de Marrocos, Paquistán, Brasil, Colombia, Ucraína e Venezuela. O programa componse de dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda o Taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e, pola outra, a creación do espazo de expresión e participación cultural Exprésa-T, dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación.

O taller de alfabetización ten por propósito a adquisición de habilidades lingüísticas que lles permita ás persoas inmigrantes desenvolverse de forma autónoma nas diferentes situacións da vida diaria. As clases levaranse a cabo seguindo unha metodoloxía alternativa de ensinanza aprendizaxe e con perspectiva de xénero, traballando contidos e linguaxe non sexista, así como poñendo en valor o papel das mulleres na sociedade.

O espazo de socialización e expresión cultural Exprésa-T, reforzando a acción anterior, céntrase na creación dun espazo coeducativo de participación e convivencia que permita poñer en práctica os contidos asimilados a nivel lingüístico e no que, a través do coñecemento e intercambio mutuo das distintas culturas e a presente no municipio, se desenvolvan relacións sociais e persoais igualitarias que contribúan á construción dunha verdadeira sociedade intercultural.

Prazo de inscrición aberto

As persoas interesadas en participar no programa A Laracha acolle aínda poden anotarse contactando co departamento de Servizos Sociais no Edificio Administrativo da Laracha.

Local polivalente no colexio de Paiosaco

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Educación, Patricia Bello, mantiveron unha reunión co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao que trasladaron a necesidade de dotar ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco cun novo local polivalente que poida empregarse como comedor escolar, espazo para o programa Madruga e para outros usos da comunidade educativa, como a realización de reunións ou actividades complementarias.

A consellería realizará un estudo técnico para valorar as diferentes opcións e determinar a máis viable e óptima.

Tracking Pixel Contents