Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Néstor Rego insta o Estado a acelerar o remate do treito Arzúa-Melide da A-54

Denuncia que as demoras causan problemas de tráfico nos núcleos afectados polos desvíos

Néstor Rego, á esquerda, a carón de Carril, con outros cargos do BNG.

Néstor Rego, á esquerda, a carón de Carril, con outros cargos do BNG. / Cedida

Redacción

Arzúa

O deputado nacional do BNG, Néstor Rego, instou o Ministerio de Transportes a acelerar o remate das obras da A-54 no tramo entre Arzúa e Melide, para completar definitivamente a conexión por autovía entre Santiago e Lugo.

Nunha visita a Arzúa, acompañado polo alcalde desa localidade, Xoán Xesús Carril, e do de Santiso, Manoel Adán, e doutros cargos do Bloque, Rego denunciou que «as demoras continuadas na execución deste treito están a provocar serios problemas de tráfico e seguridade nos núcleos de poboación afectados polos desvíos temporais, especialmente nos núcleos de poboación de Arzúa e Melide».

Tras lembrar que o ministro de Transportes anunciou en febreiro que a autovía estaría finalizada integramente a finais de 2025, o deputado do BNG sinalou que «o Goberno central leva anos prometendo prazos que non se cumpren» e que «mentres, a veciñanza sofre as consecuencias das obras e o incremento do tráfico pola N-547».

Rego pediu explicacións sobre as causas dos atrasos acumulados e require coñecer se o Ministerio valora a apertura parcial do tramo restante, dada a diferenza no grao de execución das obras.

Segundo sinalou a deputada autonómica do BNG Iria Carreira, «na parte entre Melide Sur e a saída de Santiso as obras están moi avanzadas, restando apenas labores de pintura e sinalización, mentres que no treito máis próximo a Arzúa os traballos avanzan con moito atraso, mantendo aínda tarefas de desmonte e execución de viadutos pendentes».

Por outra banda, Néstor Rego visitará o luns 27 ao mediodía o tramo ferroviario entre Fraiz e A Moniña, en Ames. O obxectivo é insistir no traspaso deste tramo ferroviario ao Concello de Ames, solicitude que o propio deputado nacionalista lle trasladou ao Ministerio de Transportes e a ADIF para a súa recuperación e posta en valor como senda peonil.

Tracking Pixel Contents