Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSdeG pide á Xunta a cofinanciación dun novo pavillón polideportivo en Oroso

A iniciativa busca dar resposta ás necesidades do alumnado, das entidades deportivas e da mocidade do municipio

O deputado Aitor Bouza Manso, segundo pola esquerda, na visita aos integrantes socialistas de Oroso

O deputado Aitor Bouza Manso, segundo pola esquerda, na visita aos integrantes socialistas de Oroso / Cedida

El Correo Gallego

Oroso

O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, por iniciativa dos deputados Aitor Bouza Manso, Paloma Castro Rey, Patricia Iglesias Rey e María Elena Espinosa Mangana, presentou hoxe ante a Mesa do Parlamento unha proposición non de lei para instar á Xunta a incorporar nos próximos Orzamentos autonómicos unha partida destinada á cofinanciación da construción dun novo pavillón polideportivo en Oroso, en colaboración co Concello e coa Deputación da Coruña.

Segundo recolle a exposición de motivos da iniciativa, o actual pavillón do municipio atópase saturado e carece das condicións necesarias para o desenvolvemento adecuado das actividades escolares e deportivas. A demanda cidadá vén avalada por unha campaña de recollida de sinaturas, impulsada por nais e pais do alumnado, que xa acadou varios centos de apoios. O Concello conta con anteproxecto e terreo dispoñible, o que, segundo os socialistas, acredita a viabilidade inmediata da actuación.

A proposta sitúa a nova instalación na finca deportiva fronte ao CEIP Camiño Inglés, o que garantiría a máxima accesibilidade para o alumnado e a integración co núcleo educativo e deportivo da vila. Desde o grupo socialista critican que o actual goberno local rexeitou esta opción por razóns partidarias, sen atender aos criterios técnicos nin ao interese xeral.

Os socialistas lembran que o proxecto xa contaba cunha subvención da Deputación da Coruña e que a Xunta de Galicia se comprometera en anteriores ocasións a colaborar na súa execución, aínda que ata agora non se materializou ningún compromiso orzamentario. A iniciativa subliña que a construción do novo pavillón é unha necesidade urxente para fomentar hábitos saudables, apoiar ás entidades locais e ofrecer infraestruturas dignas ao alumnado e á mocidade de Oroso.

Tracking Pixel Contents