Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Teo renova a súa web de turismo para difundir o seu patrimonio e oferta local

O portal, elaborado por persoal municipal, organiza información sobre rutas, natureza e establecementos hostaleiros, comerciais e artesanais

Desde a esquerda: Liduvina Campoamor, Margarita Rosende, Lucía Calvo de la Uz e Alejandro López

Desde a esquerda: Liduvina Campoamor, Margarita Rosende, Lucía Calvo de la Uz e Alejandro López / Cedida

El Correo Gallego

Teo

O Concello de Teo presentou a renovación da súa páxina web de Turismo, un portal que busca mellorar a navegación e reunir nun mesmo espazo información sobre o patrimonio, a natureza e a oferta local.

No acto participaron a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, a técnica de Turismo, Liduvina Campoamor, e o técnico informático, Alejandro López, responsables do proxecto.

Segundo informou o Concello, a nova web incorpora seccións dedicadas ás rutas naturais do municipio, con datos sobre distancia, dificultade e lugares de interese, así como un apartado de patrimonio con elementos arqueolóxicos, arquitectónicos, etnográficos e naturais. Entre eles figuran a área arqueolóxica do Monte Piquiño, os marcos da Agrela e do Porto, e petróglifos como o de Pena Bicuda de Loureiro ou o do Outeiro do Corno.

Tamén se recollen espazos como a fraga do Sestelo, a Devesa do Agromaior, a área recreativa do Xirimbao e miradoiros como o do Cumio de Montouto, ademais da Carballeira de Francos. O apartado arquitectónico inclúe información sobre igrexas, capelas e pontes como a de Pontevea, a colgante do Xirimbao ou a de Paradela, así como sobre cruceiros, ermidas e a Burga de Xermeade.

A web tamén dedica espazo ao patrimonio etnográfico e inmaterial, con información sobre as festas parroquiais, o entroido dos Xenerais da Ulla e a Feira Cabalar do San Martiño de Francos, recoñecida este ano como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Segundo a información municipal, o portal foi desenvolvido por persoal do Concello e inclúe unha sección específica para establecementos hostaleiros, comerciais e de artesanía, con datos de contacto e descricións dos servizos. A iniciativa pretende facilitar o acceso á información tanto para visitantes como para a veciñanza.

O novo espazo web cumpre cos criterios de accesibilidade e pode consultarse desde móbiles, tabletas e ordenadores. A plataforma continuará aberta á incorporación de novos establecementos para manter actualizada a oferta turística do municipio.

Tracking Pixel Contents