TEMPADA DE MAR
Profesionais da cultura e o turismo apostan pola valorización do patrimonio mariñeiro da Costa da Morte
Avaliaron en Lira o seu potencial para o desenvolvemento das comunidades costeiras

Santiago Llovo avaliou os principais elementos patrimoniais do xeodestino. / Gema
A Casa do Mar de Lira (Carnota) acolleu unha xornada dedicada á posta en valor do patrimonio mariñeiro e litoral no marco do proxecto Temporada de Mar, promovido pola Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), co apoio do Concello carnotán.
A cita reuniu representantes do sector cultural, patrimonial e turístico da comarca, e comezou cunha visita guiada á Caseta de Pepe do Cuco, en Lira, da man de María Lago González, técnica de turismo de Carnota.
Trátase dun pequeno museo deseñado para permitir visitas autónomas mediante o uso dun teléfono móbil, ofrecendo un percorrido inmersivo pola tradición mariñeira e pola relación histórica das xentes de Lira co mar. A través dunha musealización sobria e elementos auténticos da actividade mariñeira, veciños e veciñas da vila, guiados polo actor Miguel de Lira, relatan a evolución dun modo de vida profundamente ligado ao mar.
Posteriormente, na Casa do Mar celebrouse unha mesa de intervencións, presidida polo alcalde, Juan Manuel Saborido, quen agradeceu a implicación das entidades colaboradoras. Pepe Formoso, presidente da APTCM, destacou o compromiso da asociación coa promoción do patrimonio mariñeiro e coa dinamización turística fóra da tempada alta, aproveitando os meses de maior calidade dos produtos do mar. Valorou tamén iniciativas como a Caseta de Pepe do Cuco, "porque contribúen a ampliar a oferta turística e poñer en valor o patrimonio local", afirmou.
A actriz Mariña Lestón, coñecida pola súa obra Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, subliñou a importancia do patrimonio inmaterial e da tradición oral na construción da identidade cultural. Explicou o proceso de recollida de historias e cantigas populares, así como o respecto polas variantes dialectais nas súas representacións teatrais.

Manuel Lara Coira, na súa intervención no encontro de Lira. / Gema
Manuel Lara Coira, presidente de Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial, animou a visitar o inventario patrimonial dispoñible na web da entidade, e reivindicou a necesidade de crear sinerxías entre o patrimonio inmoble, moble e inmaterial. Destacou asemade o papel das mulleres como base do benestar e da transmisión cultural.
Pola súa banda, o investigador Santiago Llovo Taboada, experto no patrimonio marítimo da Costa da Morte, fixo un repaso polos principais elementos patrimoniais da zona, desde peiraos e faros ata as numerosas fábricas de salga, auténticos testemuños da economía tradicional do litoral.
Os participantes coincidiron en que a asunción de competencias por parte da Xunta de Galicia na xestión do litoral representa unha gran oportunidade para as localidades costeiras, ao entender que a existencia dun marco regulador que combine control e flexibilidade podería facilitar a recuperación e conservación do patrimonio marítimo galego, impulsando ao mesmo tempo o desenvolvemento cultural e turístico das comunidades mariñeiras.
Cómpre lembrar que o proxecto Temporada de Mar promove unha rede de gastronomía de quilómetro cero na zona sur da Costa da Morte. Está impulsado por APCTM, e cofinanciado pola Unión Europea a través do GALP Costa Sostible da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Urovesa entregará en 2026 los primeros prototipos del blindado VERT destinados al Ejército
- Entra en vigor el encierro de aves de corral en 40 concellos por la gripe aviar
- Santiago calienta motores para el 'As Cancelas Music Fest' con Nena Daconte, Cepeda, Ortiga y Menta Poleo
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Vuelca un coche en la AG-56 a la salida de la autopista en Santiago
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre