Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Malpica implanta o sistema Praia Pallet para a recollida de lixo mariño

Instaláronse nas praias do municipio caixóns de madeira deseñados para depositar os residuos que o mar arrastra ata a area

Presentación dos caixóns para a recollida de lixo mariño nas praias de Malpica.

Presentación dos caixóns para a recollida de lixo mariño nas praias de Malpica. / Cedida

Malpica

O Concello de Malpica, a través da concellería de Medio Ambiente, puxo en marcha o proxecto Praia Pallet, unha iniciativa que busca fomentar a implicación cidadá na conservación do litoral e na loita contra a contaminación mariña.

Esta actuación realízase en colaboración con Surf and Clean, Aprende Através do Surf e One Surf Academy, e inspírase na idea orixinal promovida pola organización Clean Ocean Project.

O programa consiste na instalación de caixóns de madeira nas praias do municipio, deseñados para depositar os plásticos e outros residuos que o mar arrastra ata a area. O obxectivo é facilitar que tanto a veciñanza como as persoas visitantes poidan recoller e retirar ese lixo mariño durante os seus paseos pola praia, contribuíndo así á protección dos ecosistemas costeiros.

Desde a concellería de Medio Ambiente lémbrase que estes caixóns están destinados exclusivamente ao lixo que chega co mar, e non ao xerado pola actividade habitual nas praias.

Coa implantación deste sistema, Malpica convértese nun concello pioneiro na comarca en poñer en práctica este modelo de recollida, que combina sensibilización ambiental, participación cidadá e acción directa sobre o territorio.

Dende a concellería destacan que “iniciativas coma esta reforzan o compromiso de Malpica coa sustentabilidade e co coidado do noso litoral, promovendo unha cultura de respecto e responsabilidade compartida co medio mariño”.

O proxecto Praia Pallet busca implicar á comunidade local e aos visitantes nun obxectivo común: protexer e conservar a riqueza natural das praias de Malpica, demostrando que pequenas accións colectivas poden ter un gran impacto ambiental.

Tracking Pixel Contents