Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nieves Taboada Estévez, a veciña máis lonxeva de Silleda, cumpre 107 anos

No seu día donou ao Concello os terreos no que se atopa a estación potabilizadora de auga do municipio

Nieves Taboada, flanqueada por Paula Fernández, esquerda, e Ángela Troitiño.

Nieves Taboada, flanqueada por Paula Fernández, esquerda, e Ángela Troitiño. / Cedida

Silleda

Nieves Esther Taboada Estévez soprou este sábado en Silleda nada menos que 107 velas. Natural da parroquia de Siador, é a persoa de mais idade do municipio así como unha das máis lonxevas da comarca do Deza.

A celebración tivo lugar na Vivenda Comunitaria Vitalar de Ponte, onde Nieves reside dende hai algún anos. Ao seu lado, ademais da familia estiveron a alcaldesa, Paula Fernández Pena, e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, que acudiron en representación de todo o municipio para felicitala e recoñecer a súa traxectoria de vida.

Nieves, que naceu en Cóscaros (Siador) en 1918, viviu sola ata os 102 anos. Xunto co seu home, Manuel Rozas, traballou a reo na terra e co gando. Cunha gran vitalidade, foi sempre unha muller agarimosa e resiliente, moi querida pola veciñanza.

Con ela, o Concello de Silleda abriu en xaneiro de 2024 o programa (in) VISIBLES, doce meses, doce mulleres, como exemplo de vitalidade e compromiso coa comunidade. Ademais, en novembro de 2023 tivo a honra de inaugurar as dependencias do novo consistorio de Silleda pola súa condición de veciña de maior idade.

En nome do Concello Paula Fernández amosoulle, no seu 107 aniversario, a súa gratitude por contar con persoas como Nieves "que, coa súa presenza e vida, aportan identidade, memoria e riqueza humana ao noso municipio”.

“É unha honra poder celebrar contigo, Nieves, estes 107 anos cheos de historia e de vida, e que o pobo de Silleda recoñeza o teu exemplo”, sinalou a rexedora, quen lembrou ademais que Nieves donou no seu día ao Concello de Silleda os terreos no que se atopa a estación potabilizadora de auga de Silleda.

Tracking Pixel Contents