Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Vandalizan a escultura do exalcalde de Arzúa Juan Vidal

A obra apareceu coa frase "Gobierno de rojos, época de piojos", e tamén hai pintadas nas rúas contra o BNG e o PSOE

A escultura de Juan Vidal apareceu este domingo con pintadas.

A escultura de Juan Vidal apareceu este domingo con pintadas. / Cedida

Arzúa

O Goberno municipal do Concello de Arzúa (BNG, A.A. e PSOE) manifestou o seu rexeitamento absoluto e a súa profunda preocupación polo acto vandálico cometido contra a escultura de Juan Vidal, alcalde de Arzúa fusilado polo fascismo no ano 1936, que apareceu este domingo cunha lenda que di "Gobierno de rojos, época de piojos".

"Trátase dun ataque fascista en toda regra, unha agresión contra o noso patrimonio colectivo e contra a memoria democrática que representa a figura de Juan Vidal e outras persoas que foron represaliadas pola ditadura franquista no noso concello, e que son símbolo do compromiso coa liberdade e coa xustiza social", sinalan dende o Executivo local.

Desde o Goberno municipal expresan tamén o apoio e solidariedade coa familia de Juan Vidal "e coas de todas as persoas represaliadas en Arzúa, así con todas as persoas que manteñen viva a memoria das vítimas da represión franquista". "Arzúa non pode nin vai permanecer calada ante actos que pretenden sementar o odio e borrar a nosa historia", engaden.

Unha das pintadas que apareceron nas rúas arzuás.

Unha das pintadas que apareceron nas rúas arzuás. / Cedida

O Concello actuará de inmediato para restaurar a escultura e poñer os feitos en coñecemento das autoridades competentes, co obxectivo de que se investigue o sucedido. "Reafirmamos o noso compromiso coa memoria democrática, coa convivencia e cunha Galicia libre de intolerancia e de esquecemento", indican dende o Concello.

Pola súa banda, o BNG denuncia a aparición de pintadas fascistas que se está a producir polas rúas do casco urbano "cun claro obxectivo de intimidar e meter medo a forzas políticas, após a aparición de diferentes pintadas sinalando o BNG", sinala Xurxo Gómez, responsable local da organización.

“A vandalización da estatua a Juan Vidal e ás vítimas do fascismo coa pintada Gobierno de rojos, época de piojos é unha agresión intolerable e inxustificable a todas as persoas que defendemos a democracia e cruza todas as liñas vermellas, polo que require unha condena por parte de todas as forzas políticas democráticas”, engadiu.

A organización denuncia tamén outras pintadas que foron realizadas durante as últimas semanas “nas que se sinala a determinadas forzas políticas, nomeadamente o BNG”, cunha intención claramente intimidatoria “lembrando os tempos nos que o fascismo operou para eliminar calquera alternativa política democrática”, denuncia Gómez.

Pintada contra o BNG e o PSOE en Arzúa.

Pintada contra o BNG e o PSOE en Arzúa. / Cedida

Sinala ademais que “non imos permitir que actuacións coma estas, claramente minoritarias e rexeitadas pola absoluta maioría da veciñanza arzuá sigan sucedendo”.

Asemade, sinala que “o BNG é unha forza antifascista e de combate contra a violencia e a intolerancia, polo que nin imos contribuír nunca ao branqueamento ou á normalización do fascismo, nin tampouco van poder calarnos”. Por iso, a organización nacionalista insta á condena destas pintadas por parte de toda a sociedade democrática, “incluíndo ao Partido Popular, ao que animamos a abandonar as súas posicións cada vez máis sumidas na extrema dereita”.

“Non podemos esquecer os saúdos fascistas que se realizaban alegremente diante da súa sede arzuá na noite electoral, cuestión que non vimos que fose condenada nin rexeitada polo señor Rivadulla”, engade Gómez

Fronte a isto, Gómez apunta que “desde o BNG imos seguir traballando para construír un concello do que toda a veciñanza se sinta orgullosa, no que se respecten os dereitos de todas as persoas e combata toda forma de violencia e discriminación”, conclúe.

Tracking Pixel Contents