Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis de 1.000 asistentes no XX Festival Internacional de Maxia de Ames

O FestiMax celebrouse do 23 ao 26 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, con espectáculos e obradoiros para todas as idades

Participantes na Gala Máxica Internacional

Participantes na Gala Máxica Internacional / Cedida

El Correo Gallego

Ames

A vixésima edición do Festival Internacional de Maxia de Ames, FestiMax, reuniu entre o 23 e o 26 de outubro a 1.047 persoas, consolidándose como un dos festivais máis lonxevos de Galicia. Os asistentes puideron disfrutar de espectáculos e obradoiros de magos galegos e internacionais, con todas as actividades ao completo.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, subliñou que «ao longo de catro días máis dun milleiro de persoas pasaron polos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Tras 20 anos, o FestiMax xa é un dos festivais de maxia máis consolidados de Galicia».

Participantes e organizadores do FestiMax co alcalde amesán, Blas García, no centro abaixo.

Participantes e organizadores do FestiMax co alcalde amesán, Blas García, no centro abaixo. / Cedida

O programa incluiu a estrea do espectáculo Imposible!?, do galego Mago Rafa, ao que asistiron 108 persoas, e O Baúl da Maxia, da caravana máxica da maga arxentina Lore Lavand, que reuniu 180 participantes repartidos en grupos de 20 persoas. Tamén houbo sesións de maxia para maiores a cargo de Antón Noriega e Román García, con máis de 160 asistentes en total.

Os obradoiros de maxia dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos contaron con 35 participantes, impartidos por Román García.

A Gala Máxica Internacional, presentada polo mago catalán Isaac Jurado, foi o espectáculo máis multitudinario, con 644 espectadores en catro sesións. Entre os artistas participantes destacaron Seimei, de Corea do Sur; Marcos Waldemar, de Galicia; Peio Rivas, de Vitoria; Diego & Elena, de Madrid; e a maga Lore Lavand, que combinou maxia con acrobacias e teatro visual.

O FestiMax volveu demostrar a súa capacidade para atraer público de todas as idades e ofrecer unha programación de maxia de calidade artística, consolidándose como unha cita imprescindible do outono en Ames.

Tracking Pixel Contents