MARCA PROPIA
Costa da Morte pon en valor as romarías tradicionais a través da gastronomía, a artesanía e a cultura
Profesores e alumnos do ciclo de cociña do IES de Muxía elaboraron nove menús

Alumnos e profesores do ciclo de cociña do IES de Muxía cos nove menús. / Cedida
O IES Ramón Caamaño de Muxía acolleu a presentación dunha iniciativa que trata de reforzar a identidade da Costa da Morte e o traballo en rede de sectores centrais no territorio, como o agro, a artesanía e o patrimonio cultural, a través da marca de territorio Costa da Morte, Terra Atlántica.
Unha iniciativa do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), ao abeiro da cal se elaboraron nove propostas gastronómicas baseadas nas romarías da Costa da Morte, e en propostas que combinan a tradición e a innovación gastronómica.

Representantes de concellos e diferentes colectivos no IES de Muxía. / Cedida
Para a presentación e degustación deseñouse unha edición limitada de elementos artesanais promocionais, de pano de liño do artesanado local, coa imaxe das romarías de cada localidade.
Para a elaboración destas propostas gastronómicas contouse coa colaboración do propio profesorado e do alumnado do IES Ramón Caamaño, que elaboraron as diferentes propostas gastronómicas relacionadas con nove das romarías da Costa da Morte: a tortilla doce da Festa do Peñón (Laxe); a pataca confitada e o chourizo crocante de San Adrián de Verdes (Coristanco); o bolo de costela de porco de Santa Margarida de Muíño (Zas); as zamburiñas, o millo e o xamón da Festa da Familia (Dumbría); a torrada de pan de ovo, os froitos vermellos e o xeado da Virxe da Xunqueira (Cee); a chula de cabaza, o queixo e o toffee, de Saber de aldea (Corcubión); o longueirón, os trigueiros e o sal de ibérico da Festa do Longueirón (Fisterra); o follado de millo e o touciño entrefrebado con alioli e pementos da Virxe do Monte (Mazaricos); e a empanada de millo e berberechos, de Carnota.

Bolo de costela de porco típico da romaría de Santa Margarida de Muíño, de Zas. / Cedida
Ao acto sumáronse trinta persoas, entre elas responsables técnicos e políticos dos diferentes concellos, así como representantes das comisións de festas, que recolleron a testemuña de promover as festividades locais tendo en conta o produto alimentario de proximidade e a artesanía local, así como a importancia da implicación dos profesionais da restauración.
Cos resultados da xornada, o GDR Costa da Morte elaborará un dossier coas diferentes propostas gastronómicas para súa divulgación.
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- El héroe del último ascenso de la SD Compostela 'ficha' por el Deportivo
- Muere Jesús Bernal, el atleta más querido del circuito gallego
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Viveiros Compostela pone color a la Navidad: 'Cada año se vende más flor de Pascua
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento