Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PLENO

A Laracha actualiza as taxas de recollida do lixo para cubrir os 257.000 € anuais de déficit do servizo

O alcalde di que a subida de tarifas faise "por imperativo legal"

Sesión extraordinaria na que se aprobou a modificación da taxa do lixo.

Sesión extraordinaria na que se aprobou a modificación da taxa do lixo. / C. Laracha

A Laracha

A Corporación da Laracha aprobou a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida de lixo que implicará unha subida das tarifas, quedando fixadas en 98 euros para vivendas rurais e 110 para urbanas e, no caso da hostalería e establecementos de alimentación, oscilarán entre 208,80 e 1.498,10 euros, segundo a tipoloxía e situación do negocio. Para as actividades económicas en xeral, a taxa será de entre 113,80 e 468,80 euros, tamén dependendo dos condicionantes anteriores.

O alcalde, José Manuel López, asegurou que esta subida faixe por "imperativo legal" dada a necesidade de adaptar a normativa municipal á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que entrou en vigor en 2024. "Esa nova lei, de ámbito estatal, obriga a que as taxas municipais cubran a totalidade do custo real do servizo, polo que é necesario revisar as tarifas para cumprir con esa esixencia", afirmou.

O rexedor mostrou a súa disconformidade con esta lei, xa que "non respecta a autonomía local nin a potestade económica a nivel municipal, pero é o que temos que aplicar porque nos vén imposto polo Goberno central". Aínda así, apuntou que "a da Laracha continuará sendo a taxa máis baixa da bisbarra".

As tarifas anuais

López Varela informou que o custe do servizo (que inclúe recollida, transporte e tratamento do lixo, así como os servizos de punto limpo, recollida de voluminosos e o punto limpo móbil que entrará en funcionamento en próximas datas) ascende a 779.242,42 euros anuais, e o déficit actual para o Concello é de 257.000 euros.

A ordenanza contemplará bonificacións na taxa de ata o 40 % para familias numerosas e reducións do 10 % para os fogares que participen en programas de redución do lixo, incentivando así boas prácticas ambientais ás que se poderán acoller todas as vivendas rurais e urbanas. Ditos descontos compensaríanse coas bonificacións de Sogama ao Concello pola xestión eficiente do lixo.

Tamén se acordou a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización de instalacións deportivas municipais. O texto renóvase para adaptalo á realidade actual das infraestruturas existentes na Laracha e tamén actualiza as tarifas, que quedarán en 15 euros polo alugueiro por hora dos pavillóns polideportivos e o mesmo prezo por 90 minutos das pistas de pádel.

O alcalde explicou que a tarifa dos pavillóns non se actualizaba desde o ano 1998 e a das pistas de pádel, desde a súa apertura en 2012. Os grupos do BNG e do PSOE votaron en contra. O texto estará 30 días en exposición pública antes de proceder á súa aprobación definitiva e entrar en vigor.

Por outra banda, a Corporación larachesa destinarán os 61.495.91 euros da primeira fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+) Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña, á redución da débeda do Concello coa propia Deputación derivada da participación no Plan de Aforro e Investimentos (PAI) do ano 2015.

Tracking Pixel Contents