Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Pino cede unha parcela de 375 metros cadrados á Xunta para construír vivenda protexida en Arca

Está situada fronte ao antigo centro de saúde, na avenida de Lugo, e xunto coa parcela que xa ten o Instituto Galego de Vivenda permitiría unha edificabilidade de 1.300

Imaxe do pleno celebrado este mércores no Pino.

Imaxe do pleno celebrado este mércores no Pino. / Cedida

O Pino

A Corporación do Pino aprobou por unanimidade en pleno a cesión dunha parcela de 375 metros cadrados ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que a Xunta poida construír vivenda protexida en Arca, fronte ao antigo centro de saúde, na avenida de Lugo. Na sesión tamén se ratificou destinar a investimentos 227.000 euros do POS+ adicional 4/2025, reservando outros 31.000 euros para gasto corrente.

Esta parcela está pegada a outra de 240 metros cadrados que xa é propiedade do IGVS. Deste xeito, a entidade podería facer unha promoción de vivenda de protección autonómica cunha edificabilidade máxima de 1.306 metros cadrados, distribuídos en baixo, dúas plantas e baixo cuberta. O alcalde, Manuel Taboada, explicou no pleno que con esta cesión, o “Concello vai favorecer que se constrúan unhas 15 vivendas de promoción pública no Pino, segundo cálculos da propia Xunta. Isto vai permitir que moitos mozos poida acceder ao seu primeiro fogar”, asegurou o alcalde.

Na sesión tamén se aprobou o POS+ adicional 4/2025 da Deputación da Coruña, que lle asigna ao Concello do Pino 250.599,57 euros. A proposta presentada polo equipo de goberno contempla destinar 31.000 euros para gasto corrente e reservar os 227.599,57 para investimentos financeiramente sostibles para a execución de obras o vindeiro ano. Tamén se acordou modificar o convenio de ciberseguridade que a Administración local asinou coa Deputación provincial.

Tracking Pixel Contents