Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

TEATRO

Paula Quintas e Andrea Jiménez baixan o pano do FIOT en Carballo

A coreógrafa e bailarina ofrece hoxe unha conferencia en movemento

Representación de 'Vulcano' de Andrea Jiménez.

Representación de 'Vulcano' de Andrea Jiménez. / Bárbara Sánchez Palomero

Carballo

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, bota o pano da súa trinta e catro edición. Este mércores, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina Paula Quintas presentará o work in progress Desde o corsé a danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade.

Paula Quintas é un bailarina, creadora, coreógrafa e directora artística galega de referencia e cunha linguaxe persoal que explora a danza contemporánea, a verticalidade e a relación do corpo co espazo, sempre na procura de novos modos de comunicar e de compartir co público.

Paula Quintas ofrece hoxe unha conferencia en movemento no FIOT.

Paula Quintas ofrece hoxe unha conferencia en movemento no FIOT. / FotograficaOviedo

A creadora regresa ao OTNI cunha unha conferencia en movemento que propón un percorrido vivo e poético pola historia da danza e do circo, entre a disciplina do corpo e a súa liberdade aérea.

O xoves, 30 de outubro, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, tamén con entrada de balde, terá lugar a lectura dramatizada de Mal Ollo, unha comedia de ambiente mariñeiro. Con motivo do 120 aniversario do nacemento do dramaturgo carballés Cándido Alfonso González Tiradas (Carballo, 1905 – Bos Aires, 1966), a Aula de Teatro local presenta esta divertida peza que mestura o humor popular co mundo máxico galego.

Pola súa banda, o Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público en 2024 co seu celebrado Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes Artístics.

Vulcano é a historia dunha familia que tenta salvarse dun trauma pasado: o incendio do seu edificio, un suceso con consecuencias tráxicas, que deixa pegadas profundas nos que sobreviviron. A chegada dunha reporteira e o intento de reconstruír o que sucedeu alteran o concepto da verdade e poñen en dúbida a versión orixinal dos feitos.

Finalmente, o sábado 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despedirase das táboas cunha festa a ritmo de cabaré para os voluntarios e os socios de Telón e Aparte, da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura, con convite.

Tracking Pixel Contents