Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Silleda acometerá a reforma integral do parque de Laro cun investimento de 46.000 euros

As obras, que comezarán nos próximos días, mellorarán o entorno do centro social da parroquia e contarán con novas zonas de xogo e descanso

Reunión celebrada hoxe para o proxecto de reforma no Parque Laro coa alcaldesa Paula Fernández Pena no centro

Reunión celebrada hoxe para o proxecto de reforma no Parque Laro coa alcaldesa Paula Fernández Pena no centro / Cedida

El Correo Gallego

Silleda

O Concello de Silleda iniciará nos próximos días a reforma integral do parque de Laro, unha actuación que suporá un investimento de 46.000 euros e que permitirá mellorar o entorno do centro social desta parroquia.

O proxecto foi presentado polo goberno municipal nun encontro coa nova directiva da Asociación de Veciños de Laro, reunión na que se detallaron os principais aspectos da intervención. A obra fora comprometida o pasado ano polo executivo silledense e finánciase finalmente con fondos do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, despois de non obter apoio na convocatoria da Xunta de Galicia.

A empresa Míguez Xestoso será a encargada de executar os traballos, logo de presentar a mellor oferta entre as construtoras convidadas do municipio. As obras contemplan a rehabilitación integral do espazo posterior ao centro social, cun novo peche perimetral e dúas zonas diferenciadas: unha área de xogo infantil, con renovación dos elementos existentes, e outra de descanso e convivencia veciñal, dotada de novo mobiliario urbano e coa recolocación do parque biosaudable.

Tamén se renovarán os pavimentos e o mobiliario deteriorado, prestando especial atención á seguridade e accesibilidade, para que o recinto poida ser utilizado por persoas de todas as idades.

Durante a reunión coa directiva da asociación, a alcaldesa Paula Fernández Pena destacou que «esta actuación responde a un compromiso adquirido co veciñal de Laro e permitirá modernizar e dignificar este espazo para uso tanto de nenos como de persoas maiores». Engadiu ademais que «este tipo de proxectos demostran o noso compromiso coa mellora continua dos equipamentos parroquiais, apostando por espazos seguros e de calidade, que fomenten a convivencia e a vida comunitaria no rural».

O encontro serviu tamén para recoller novas demandas e propostas da directiva veciñal recentemente renovada, á que a alcaldesa agradeceu o seu labor e implicación co desenvolvemento da parroquia.

Tracking Pixel Contents