Brión convoca o VIII Premio Laudamuco, o galardón teatral mellor dotado de Galicia
O certame, dotado con 7.000 euros e a publicación da obra gañadora, manterá aberto o prazo de recepción de textos ata o 30 de xaneiro de 2026

Premio Laudamuco / Cedida
El Correo Gallego
O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, vén de convocar o VIII Premio Laudamuco para Textos Teatrais, considerado o galardón teatral de maior dotación económica en Galicia, con 7.000 euros de premio e a edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas.
A iniciativa busca incentivar e apoiar a dramaturxia en lingua galega, ademais de recoñecer a figura e o legado de Roberto Vidal Bolaño, autor da emblemática obra Laudamuco, señor de ningures. Como lembrou o alcalde de Brión, Pablo Lago, «o Premio Laudamuco pretende contribuír ao recoñecemento da figura e obra de Vidal Bolaño, por todo o que representou e representa para a nosa cultura en xeral e para Brión, en particular».
Poderán participar autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, escrita integramente en lingua galega. O tema e a extensión son libres, e os traballos deberán presentarse en formato dixital antes das 23.00 horas do 30 de xaneiro de 2026.
O xurado, composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral, será designado pola Academia Galega de Teatro e poderá declarar deserto o premio. A apertura da plica coa identidade da persoa gañadora realizarase nun acto público na terceira semana de abril de 2026, mentres que a entrega oficial do galardón terá lugar o 16 de maio, coincidindo co 48 aniversario da estrea de Laudamuco, señor de ningures pola compañía Antroido baixo a dirección de Eduardo Alonso, considerada o inicio da profesionalización do teatro galego.
Nas súas edicións anteriores, o Premio Laudamuco recoñeceu nomes como Julio Fernández Peláez e Alberto de Casso Basterrechea por Vento mareiro non dá voltas (2025); José Luís Baños de Cos por A porta. Un relato de violencia (2024); Vicente Piñeiro por Devólvenos a Xermánico (2023); Paula Carballeira Cabana por Dentes de coello (2022); Francisco Antonio Vidal Blanco por A vinganza de Fortimbrás (2021); Raúl Dans por Só un home bo (2020); e Xavier Lama López por Na miña alma ouvea un lobo (2019).
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Premios Gallegos del Año 2025
- Narcopiso de Fontiñas: cómo el trapicheo esquiva la seguridad privada de los vecinos
- El Obradoiro arrasa con una victoria de equipo grande
- Llega a Santiago el equipo multidisciplinar que instalará el ciclotrón en el Centro de Protonterapia de Galicia
- Un fin de semana cargado de eventos dispara la ocupación hotelera en Santiago