PROTECCIÓN
O roubo da Pedra do Encanto de Vimianzo encende as alarmas sobre a protección do patrimonio
Apatrigal alerta da vulnerabilidade dos bens naturais e culturais non catalogados

A Pedra do Encanto estaba situada na zona do Salgueiral, no monte de Vimianzo. / Apatrigal
O roubo da Pedra do Encanto, en Vimianzo, fixo saltar as alarmas sobre a protección dos bens patrimoniais. O presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto, asegura que «a desaparición desta pedra pon de manifesto a vulnerabilidade do patrimonio natural e cultural non catalogado».
Asegura que o referido penedo «non está catalogado nin incluído en ningún inventario do patrimonio cultural, o que implica que non conta con protección patrimonial», a pesares de ser unha rocha con numerosos petróglifos e estar recollida na historiografía galega por eruditos como Fermín Bouza Brey e asociada a diversas lendas populares.
En canto ás posibles motivacións que levaron á sustracción da rocha, Fernández Coto suxire que alguén puido levala para colocala nun xardín privado. «Puido pensar que luciría na súa casa no canto de quedar no monte», afirma.
Ubicada nun monte común
Ao tratarse dun monte común, engade, non existe propietario concreto que poida presentar denuncia pola desaparición. Por iso, nada máis coñecer o sucedido, Apatrigal difundiu o aviso nas súas redes sociais e informou á alcaldesa de Vimianzo. «Pouco máis se pode facer ao non estar catalogada, só darlle visibilidade ao caso», sinala o presidente da asociación, confiando en que a pedra apareza e poida ser devolta ao seu lugar orixinal.
O valor da Pedra do Encanto, segundo Carlos Henrique Fernández, vai máis aló do arqueolóxico, «pois tamén posúe unha gran relevancia antropolóxica e cultural». A xente de Vimianzo, subliña, «di dende sempre que esa pedra está encantada. Segundo a tradición oral, baixo dela agóchase un tesouro gardado por unha moura que só se deixa ver na noite de San Xoán ou na madrugada do domingo de Pascua, cando os mundos se achegan e o encanto pode romperse».
Por iso, engade, «é tan importante a difusión das imaxes para o coñecemento do espolio e que retorne ao seu lugar». A principal vía para tentar recuperala «é a difusión e o boca a boca. O obxectivo é encher o espazo virtual de imaxes, para que non pase desapercibida nin poida ser exhibida impunemente noutro lugar».
Medidas de protección
No caso de que a pedra fose finalmente recuperada, Fernández Coto asegura que «sería necesario adoptar medidas de protección: inventariala, catalogala e divulgar o seu valor histórico e cultural. Hai figuras legais que poden amparala», como a inclusión no plan urbanístico ou a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), "o que faría que o seu traslado se considerase un delito contra o patrimonio", conclúe.
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Premios Gallegos del Año 2025
- Narcopiso de Fontiñas: cómo el trapicheo esquiva la seguridad privada de los vecinos
- El Obradoiro arrasa con una victoria de equipo grande
- Llega a Santiago el equipo multidisciplinar que instalará el ciclotrón en el Centro de Protonterapia de Galicia
- Un fin de semana cargado de eventos dispara la ocupación hotelera en Santiago