A obra 'Gracias por su visita', de Uxía Algarra, faise co premio do público no Certame Micro-Escenas M2 de Carballo
Estrella Tomé, do espectáculo 'Alicia Wants To', de Bengala Teatro Físico, gañou o galardón á mellor interpretación

A obra 'Gracias por su visita', de Uxía Algarra, gañou o premio ao mellor espectáculo. / Cedida
A novena edición do Certame Micro-Escenas M2 do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xa ten gañadoras. A organización deu a coñecer este xoves os nomes seleccionados polo público nas categorías de mellor espectáculo e mellor interpretación nesta novena entrega do certame, que se desenvolveu durante o mes de outubro no marco do FIOT34.
As gañadoras, que recibirán en ambos os casos un premio de 150 euros, son a obra Gracias por su visita, de Uxía Algarra (premio do público ao mellor espectáculo) e Estrella Tomé, do espectáculo Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico (premio do público á mellor interpretación).
Ademais, froito do acordo do FIOT con Culturgal neste 2025, as dúas pezas premiadas, ademais dos galardóns outorgados polo FIOT, serán convidadas a participar en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que terá lugar en Pontevedra no mes de novembro de 2025, co obxectivo de apoiar e visibilizar máis o seu traballo.
Esta edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT rexistrou un total de 347 espectadores e espectadoras, con 222 votantes. A media de puntuación de todos os espectáculos foi de 4,21 puntos sobre 5, mentres que a media das interpretacións foron de 4,39 puntos sobre 5.
Segundo a organización, “a IX edición do Certamen Micro-Escenas M2 destacou pola diversidade e a calidade das propostas presentadas, que abrangueron diferentes linguaxes escénicas: danza, teatro físico, teatro de obxectos e teatro de texto. Esta variedade contribuíu a consolidar o certame como un espazo de experimentación e encontro entre disciplinas. Así, as pezas exhibiron un alto nivel artístico, incorporando elementos como música en directo e recursos audiovisuais, que enriqueceron a posta en escena e ampliaron a experiencia do público”.
Asimesmo, destacou que “un aspecto especialmente positivo é que as creacións nacidas no marco do M2 teñen continuidade fóra do certame. Cada vez son máis os artistas que, tras presentar aquí as súas primeiras propostas, deciden desenvolver a obra completa. Exemplos recentes desta evolución son Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, ou Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico. Cómpre salientar, tamén que o público do M2 comeza a consolidarse, converténdose nun público fiel que acode cada ano atraído pola diversidade e polo carácter alternativo das propostas”.
Finalmente, quixo salientar, tamén, que, “en resumo, esta edición reafirma ao M2 como un espazo de referencia para a creación contemporánea e o talento emerxente, cun público implicado e propostas que seguen a medrar máis alá do propio certame”.
Entre as 25 propostas recibidas a concurso neste 2025, un xurado profesional elixiu 6 pezas finalistas para ser representadas no FIOT: Domitila, de Amparo Martínez; Katharsis, de Catuxa Leira; O novo, de Dani Blanco; Covers2, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Todas foron propostas que xogaban coas artes do movemento, o teatro físico, o teatro de obxectos, o teatro inmersivo, o teatro-clown, a performance cerámica…
O xurado de profesionais das artes escénicas desta IX edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Kirenia Martínez, mediadora cultural, directora, bailarina e coreógrafa; Camilo Franco, escritor, crítico teatral, xornalista e director de Culturgal; Alba Bermúdez, actriz e integrante da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.
O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2025 puideron verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante tres fins de semana do #FIOT34: a tenda de fotografía Interfilm Carballo, a Residencia de Maiores da Praza de Vigo, a terraza do Pazo da Cultura ou a rúa do Sol.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Muere una persona en Porto do Son después de chocar con un caballo
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- El héroe del último ascenso de la SD Compostela 'ficha' por el Deportivo