Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Pobra pecha con éxito o programa socioeducativo e medioambiental do CAD

O Concello valora o proxecto desenvolvido en colaboración con DS Smith Cartogal, no que 65 familias participaron en saídas a espazos naturais, obradoiros, xogos sensoriais e na decoración especaial do Samaín

Na dereita, a concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, entregando a memoria final do proxecto a Sara Outeiral, da empresa DS Smith Packaging Cartogal

Na dereita, a concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, entregando a memoria final do proxecto a Sara Outeiral, da empresa DS Smith Packaging Cartogal / Cedida

El Correo Gallego

A Pobra do Caramiñal

O Concello de A Pobra fai balance do programa socioeducativo e medioambiental do Centro Integral de Atención á Discapacidade (CAD), que remata tras atender a 65 familias. Esta mañá, a concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, entregou a memoria final do proxecto a Sara Outeiral, representante da empresa DS Smith Packaging Cartogal, colaboradora da iniciativa.

O acto desenvolveuse nun CAD ambientado con decoración de Samaín realizada polo propio persoal e pola rapazada do centro, que permitiu aos máis pequenos interactuar e divertirse durante a xornada.

O programa incluíu 19 saídas a espazos naturais, 22 sesións individualizadas e 24 sesións grupais, ademais de actividades como obradoiros de estampado con flores e follas, xornadas de limpeza, actividades de grafía na praia, plantación de árbores froiteiras, interacción con animais, merendas sensoriais e circuítos motores. Estas accións buscaban non só o entretemento, senón tamén fomentar a conciencia ambiental e o respecto polo entorno.

A concelleira destacou o impacto da iniciativa: «Atender aos nenos e nenas con problemas de integración sensorial e xerar conciencia sobre a importancia de coidar e respectar as contornas naturais foi o obxectivo principal do programa», explicou.

Cerecedo tamén puxo en valor o traballo do persoal do CAD na ambientación de Samaín: «Estes elementos compren non só unha función decorativa, senón que tamén serven para que os rapaces e rapazas poidan interactuar e xogar con eles, podendo funcionar como un xeito de entretemento cando están agardando para entrar súas sesións de terapia».

O Concello subliña que este proxecto, desenvolvido no marco dun convenio de colaboración con DS Smith Cartogal, combina educación, medio ambiente e inclusión, ofrecendo aos usuarios unha experiencia enriquecedora e contribuíndo á sensibilización ambiental de toda a comunidade.

Tracking Pixel Contents