Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Porto do Son reforza a protección ambiental cun novo vehículo destinado ao coidado do espazo natural

O camión, financiado integramente polo Fondo de Compensación Ambiental, permitirá mellorar os traballos de limpeza e conservación do territorio

O vehículo adquirido por Porto do Son para os traballos de protección ambiental do espazo natural

O vehículo adquirido por Porto do Son para os traballos de protección ambiental do espazo natural / Cedida

El Correo Gallego

Porto do Son

O Concello de Porto do Son continúa a apostar pola protección ambiental e o coidado do seu espazo natural coa adquisición dun novo vehículo especializado, financiado integramente a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

O investimento, cun importe total de 73.149 euros, permitiu dotar ao municipio dun camión adaptado con portapalets e pinza hidráulica con rotor de xiro continuo, pensado para realizar traballos de limpeza, retirada de árbores e restos vexetais de forma máis eficiente e sustentable.

Segundo explicou o alcalde, Luis Oujo, «dispoñer de maquinaria moderna e adaptada é fundamental para que os servizos municipais poidan actuar con eficacia na protección do medio natural e promover o respecto polo medio ambiente».

O novo vehículo tamén destaca pola súa maior capacidade de carga, que facilitará o transporte de elementos pesados sen necesidade de múltiples desprazamentos, reducindo emisións de CO₂ e minimizando a alteración de hábitats sensibles.

Oujo subliñou ademais o compromiso municipal coa conservación e protección ambiental, poñendo en valor «a importancia deste tipo de servizos, que melloran a calidade de vida nas distintas parroquias municipais e fomentan a participación cidadá».

Tracking Pixel Contents