Ribeira acollerá a quinta edición do Open de Corrubedo Spinning Galicia con 160 participantes
O torneo, que se celebrará o sábado 8 de novembro, contará con agasallos por categorías e todo o peixe capturado destinarase á residencia de maiores

Dende a esquerda: Fernando Abraldes, Ramón Crujeiras e Álex Vidal / Cedida
El Correo Gallego
A costa de Ribeira converterase o 8 de novembro no escenario da quinta edición do Open de Corrubedo Spinning Galicia, unha cita xa consolidada que reunirá 160 participantes chegados de Galicia, doutras comunidades españolas e mesmo de Portugal.
O evento foi presentado polo concelleiro de Deportes, Álex Vidal; o edil de Mar, Fernando Abraldes; e Ramón Crujeiras, “Portas”, en representación de Spinning Galicia.
O spinning é unha técnica de pesca recreativa que utiliza cebo artificial para atraer peixes depredadores, lanzando e recollendo continuamente a isca para imitar o movemento dunha presa. Segundo explicou Crujeiras, o tope máximo por participante será de 5 quilogramos de peixe.
Para Álex Vidal, trátase dun evento "xa consolidado no calendario deportivo de Ribeira que une unha práctica deportiva e o mar; reforzando así o noso vínculo co eido marítimo e desfrutando do mesmo a través de diferentes alternativas".
O torneo desenvolverase en horario de 08.00 a 13.00 horas, no tramo de litoral entre as praias de Río Sieira e da Corna, onde se buscarán especies como robalizas, sargos e pintos. En caso de mal tempo, o plan alternativo trasladarase a zonas máis resgardadas da ría de Arousa, desde Couso ata a praia da Corna. Durante a proba contaranse coa colaboración do GAEM e da Policía local.
Haberá agasallos para diferentes categorías, incluíndo masculina, feminina, promesa e captura máis grande. Todo o peixe capturado será doado á residencia de maiores, combinando deporte, sustentabilidade e solidariedade.