Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

Cinco concellos de Costa da Morte reciben axudas da Xunta para equipamentos culturais

Muxía dispón de 22.500 euros para optimizar a biblioteca municipal

Sandra Vilela, esquerda, Belén do Campo, terceira, e Javier Sar na biblioteca de Muxía.

Sandra Vilela, esquerda, Belén do Campo, terceira, e Javier Sar na biblioteca de Muxía. / Cedida

Muxía

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Muxía, Javier Sar, supervisou as melloras que se están a executar na biblioteca municipal, ao abeiro da convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para concellos, destinada a mellorar o equipamento e as instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

Na Costa da Morte recibiron estes apoios cinco concellos: Muxía, Corcubión, Cee, Zas e A Laracha, por un importe total de 71.000 euros. Estas axudas serven para sufragar gastos de reformas, obras de ampliación, mellora da accesibilidade e tamén para a adquisición de equipamento como material escénico, iluminación, son ou audiovisual.

Muxía recibiu unha achega de 22.500 euros para levar a cabo un proxecto co obxectivo de optimizar a prestación dos servizos e dotar ao espazo de equipamento que permita ampliar a oferta cultural. Concretamente, as obras, en execución, inclúen a limpeza da cuberta e dos caleiros, a substitución das fiestras tipo velux, a reparación das pezas afectadas polas filtracións, a reparación e selado da galería, a reparación da porta de entrada de madeira e da porta do baño da planta baixa.

Tamén se contempla a substitución dos enchufes que non funcionan, a instalación dos puntos de conexión necesarios para os postos de traballo nas distintas plantas, a retirada dos cables do chan e a dotación dun sistema wifi en todo o edificio.

Ademais, colocaranse un novo mostrador, estanterías e mesas, para crear unha zona especialmente adicada ao nenos, e instalarase un sistema de impresión dos carnés de usuario para mellorar a xestión do servizo, unificando a imaxe coa do resto de rede de bibliotecas.

Tracking Pixel Contents