Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arzúa avanza na súa proxección europea co impulso da Ruta Europea do Queixo

O Concello reuniu as principais queixerías locais para presentar os proxectos e oportunidades que ofrece a súa recente adhesión á rede AREQ

Reunión celebrada entre o Concello de Arzúa e a Ruta Europea do Queixo

Reunión celebrada entre o Concello de Arzúa e a Ruta Europea do Queixo / Cedida

El Correo Gallego

Arzúa

O Concello de Arzúa deu un novo paso na promoción do seu produto máis emblemático coa organización dunha reunión informativa coa Asociación Ruta Europea do Queixo (AREQ), tras a súa recente incorporación a esta rede continental que conecta territorios con tradición queixeira.

O encontro, celebrado na Casa do Concello, contou coa participación do secretario técnico da AREQ, Javier Sánchez, quen explicou a dinámica de funcionamento da asociación e presentou o calendario de feiras de 2026, así como varios proxectos en marcha, como o programa Queixo Creativo en museos e centros de interpretación, a recuperación de razas autóctonas en perigo de extinción e a creación dunha revista semestral en formato papel e dixital coa colaboración dos socios.

Na sesión participaron representantes das queixerías Barral, Casa Donicio, Galmesano e Verbas, ademais do terceiro tenente de alcalde, Daniel Moscoso, e o coordinador da Festa do Queixo, Ramón Roldán.

Moscoso salientou que «esta reunión serviu para explicar o funcionamento da Ruta Europea do Queixo e poñer en común as oportunidades que se abren para Arzúa e para as súas queixerías a través desta nova adhesión».

Durante o encontro tamén se abordaron as vantaxes para os concellos asociados, como o acceso preferente a feiras, o desenvolvemento dunha imaxe corporativa común, a creación de produtos compartidos de promoción e o acceso a axudas e convocatorias europeas.

Tras esta primeira toma de contacto, o Concello impulsará un grupo de traballo coas queixerías locais para coordinar a participación conxunta na AREQ e deseñar proxectos que reforcen a proxección internacional do queixo de Arzúa.

Con esta iniciativa, Arzúa consolida o seu papel como referente galego da tradición queixeira e da cultura gastronómica, reforzando a súa presenza no panorama europeo e o vínculo coa súa Festa do Queixo, un dos eventos máis recoñecidos de Galicia.

Tracking Pixel Contents