Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lousame recupera o Magosto e convérteo nunha festa solidaria coa Cruz Vermella

A celebración terá lugar este sábado no polideportivo municipal e a entrada será un produto de hixiene ou limpeza por persoa

Presentación do Magosto Solidario co alcalde Esteban Ares García no centro.

Presentación do Magosto Solidario co alcalde Esteban Ares García no centro. / Cedida

El Correo Gallego

Lousame

O Concello de Lousame volverá celebrar este sábado, 8 de novembro, o seu tradicional Magosto, unha actividade que non se realizaba dende antes da pandemia. A festa regresa con novidades, xa que nesta edición incorpora un compoñente solidario a favor da Cruz Vermella.

O evento desenvolverase no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, entre as 17.00 a 19.00 horas, e contará con música, xogos populares, chocolate con churros e degustación de castañas e chourizo. A participación é gratuíta, mais será necesario inscribirse previamente en Bandoticket.com, e cada asistente deberá achegar un produto de hixiene ou limpeza que se destinará á Cruz Vermella de Noia.

O Magosto Solidario foi presentado esta mañá polo alcalde, Esteban Ares García, acompañado das concelleiras de Cultura, Silvia Agrafojo, e Deportes, Mariel Agrafojo; ademais de Loreto Rodríguez Coro, representante da Cruz Vermella de Noia, e dos técnicos municipais de Cultura e Deportes, Eduardo Agraso, Teresa Baluja e Germán Romero.

Durante a presentación, o alcalde destacou que a iniciativa «recupera unha actividade moi querida pola veciñanza» e que «ademais servirá para promover a solidariedade e abrir novas colaboracións con entidades sociais».

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, subliñou que «non é só un magosto, senón unha festa completa con música, xogos e un compoñente solidario que nos fai sentir orgullosos como concello».

A música correrá a cargo da Asociación Cultural O Son do Pote, e o evento contará coa colaboración de Protección Civil, o voluntariado europeo e distintos departamentos municipais.

Dende a Cruz Vermella de Noia, Loreto Rodríguez Coro agradeceu o apoio do Concello e da cidadanía: «Esperamos que o sábado sexa un día de festa, pero tamén de solidariedade, coa axuda de todos os veciños e veciñas de Lousame».

Tracking Pixel Contents