Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ribeira reafirma o seu compromiso ambiental coa cuarta Bandeira Verde de Galicia

A distinción, outorgada pola Consellería de Medio Ambiente, recoñece dez proxectos municipais centrados na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a protección da paisaxe

A alcaldesa, María Sampedro, xunto cos concelleiros Víctor Reiriz, Vicente Mariño e Ana Barreiro, izando a bandeira.

A alcaldesa, María Sampedro, xunto cos concelleiros Víctor Reiriz, Vicente Mariño e Ana Barreiro, izando a bandeira. / Cedida

El Correo Gallego

Ribeira

O paseo marítimo de Coroso volve lucir a Bandeira Verde de Galicia, un distintivo que o Concello de Ribeira revalida por cuarto ano consecutivo grazas ás súas boas prácticas en materia ambiental e de conservación do territorio. A alcaldesa, María Sampedro, xunto cos concelleiros Víctor Reiriz, Vicente Mariño e Ana Barreiro, participou este luns no izado da bandeira.

A rexedora destacou que o municipio «leva máis dunha década traballando na planificación estratéxica e na protección do patrimonio local», o que lle permitiu consolidarse como un referente en sustentabilidade. «Somos un Concello que camiña cara políticas verdes, de protección do medio», afirmou Sampedro, quen tamén avanzou que o goberno local «traballa para que a praia de Coroso recupere no verán a Bandeira Azul», reforzando así o atractivo turístico e ambiental do areal.

A Bandeira Verde de Galicia, outorgada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, baséase en dez proxectos que abranguen ámbitos como a ordenación do territorio, a eficiencia enerxética, a xestión de residuos e a sensibilización cidadá.

Entre as actuacións máis recentes destacan a instalación de paneis fotovoltaicos no complexo deportivo da Fieiteira, o Auditorio, a Unidade de Condutas Aditivas e o mercado municipal; a colocación de aseos autolimpiables en puntos de alta afluencia; e a posta en valor sostible da antiga fábrica de salgadura do Touro, coa que se busca recuperar un espazo patrimonial e mellorar a súa contorna paisaxística.

O Concello tamén promoveu a implantación de 159 composteiros individuais en vivendas do rural e impulsou accións de formación ambiental para reducir residuos e fomentar a economía circular. No eido da biodiversidade, desenvolvéronse traballos de eliminación da herba da pampa (Cortaderia selloana), unha especie exótica invasora, ademais de campañas de concienciación sobre reciclaxe e consumo responsable.

«Non imos escatimar en apoio municipal para seguir potenciando todas as calidades e bonanzas que ten esta praia e o noso litoral», concluíu Sampedro, quen insistiu en que Ribeira «quere seguir sendo un referente ambiental e turístico en Galicia».

Tracking Pixel Contents