Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SOSTIBILIDADE

Axober aposta pola mobilidade sostible coa xornada ‘Bergantiños cero emisións’

Incluirá exposicións de vehículos, charlas e demostracións técnicas

Presentación da xornada 'Bergantiños cero emisións' en Carballo.

Presentación da xornada 'Bergantiños cero emisións' en Carballo. / C. C.

Carballo

Carballo vaise converter o sábado, día 8, no punto de referencia da mobilidade sostible e as enerxías renovables a través da iniciativa Bergantiños cero emisións, promovida por Axober e que inclúe exposicións, charlas e demostracións técnicas.

A xornada celebrarase nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Haberá mesas redondas e charlas nas que intervirán Pepe Bello, de Energal; Carlos Carmona, de Qwello; Óscar Vázquez, de Diexfe Material Eléctrico, e Emilio Froján, de Velca, todos eles representantes de empresas punteiras do sector. De xeito paralelo, na rúa Desiderio Varela haberá exposición de vehículos.

«Agardamos que sexa unha xornada enriquecedora para todos», indicou Diego Iglesias, presidente de Axober, na presentación. Estivo acompañado polo alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Innovación, Iván Andrade.

O alcalde aludiu á importancia de concienciar á veciñanza, «porque temos un só mundo e é necesario explorar aínda máis no eido das enerxías renovables». Cualificou a implantación das enerxías respectuosas como un reto «de toda a sociedade», tanto a nivel local coma mundial, e destacou que Carballo, «foi un concello pioneiro, por exemplo, na instalación dun punto de recarga intelixente, e seguiremos traballando nesa liña».

Iván Andrade cualificou a xornada coma «fantástica», tanto polo nivel dos relatores como polo obxectivo que persegue. «Vaise falar de vehículos e infraestrutura de carga, así coma das diferentes opcións que temos tanto desde o punto de vista privado como nas empresas ou como as propias administracións podemos intervir. Desde a área de Innovación cremos que o vehículo eléctrico ten que integrarse no mercado».

Tracking Pixel Contents