Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MercaNaVila supera as 2.000 compras e impulsa o comercio local de Oroso

O programa da Deputación da Coruña mobiliza máis de 100.000 euros en vendas e reforza a aposta polo consumo de proximidade

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, no centro visitando comercios do municipio acompañada do alcalde, Álex Doval, segundo pola esquerda

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, no centro visitando comercios do municipio acompañada do alcalde, Álex Doval, segundo pola esquerda / Cedida

El Correo Gallego

Oroso

O programa MercaNaVila continúa a dinamizar o comercio local en Oroso, onde xa se rexistraron preto de 2.000 compras por un importe total de 102.747 euros, segundo os datos da Deputación da Coruña.

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou este martes varios establecementos do municipio acompañada do alcalde, Álex Doval, e da concelleira de Cultura, María Requeijo, para coñecer de primeira man o impacto da iniciativa.

Durante a visita, representantes municipais e provinciais conversaron con comerciantes e clientes sobre o funcionamento dos bonos desconto, que permiten aforros de entre 5 e 15 euros por compra, cun máximo de 100 euros por persoa. En Oroso participan 26 negocios locais dun total de 1.000 comercios adheridos en toda a provincia.

A deputada destacou a boa acollida do programa e sinalou que «buscamos non só apoiar economicamente, que é moi importante, senón tamén sensibilizar á poboación de que temos que comprar no comercio local, porque é fundamental para a vida, a economía e o futuro das nosas vilas».

Pola súa banda, o alcalde Álex Doval animou á cidadanía a «apostar polo comercio de Oroso» e a participar nesta campaña, que «demostra que cando se colabora entre administracións e veciñanza, o resultado chega directamente aos negocios do municipio».

O programa, impulsado pola Deputación en colaboración coa Federación Galega de Comercio, busca reactivar o consumo de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes e poñer en valor o pequeno comercio como motor económico e social.

A campaña, que permanecerá activa ata o 20 de novembro, abrangue unha ampla variedade de establecementos —desde perruquerías e tendas de moda ata librarías, ferreterías e ópticas— e permite descargar os bonos de forma gratuíta a través da web de MercaNaVila.

Desde a Deputación e Federación Galega de Comercio salientan que o éxito de MercaNaVila «é un reflexo da confianza cidadá neste modelo de apoio directo ao comercio local», con resultados positivos en concellos como Ordes, Arzúa, Melide e Santa Comba.

Tracking Pixel Contents