Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arzúa celebrará en decembro unha nova edición do Día do Comercio Local

O Concello chama a comerciantes e hostaleiros a sumarse a unha nova campaña que se celebrará do 6 ao 8 de decembro con descontos, sorteos e ruta de tapas

Día Comercio Local en Arzúa

Día Comercio Local en Arzúa / Cedida

El Correo Gallego

Arzúa

O Concello de Arzúa vén de anunciar a celebración dunha nova edición do Día do Comercio Local, unha iniciativa coa que se busca impulsar o consumo de proximidade e dinamizar o comercio e a hostalaría coincidindo coa chegada da campaña de Nadal.

A cita, que se desenvolverá entre o 6 e o 8 de decembro, cumpre xa a súa 13ª edición e incluirá unha ampla programación de actividades, promocións especiais e animación de rúa dirixidas a todos os públicos. O obxectivo, explican desde o goberno local, é premiar a fidelidade da clientela e poñer en valor o tecido comercial e hostaleiro arzuán.

A concelleira de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana, Begoña Balado, animou aos negocios a participar: «Queremos que o Día do Comercio Local volva converter Arzúa nun punto de encontro cheo de vida, coa implicación de todos os sectores».

O Concello anima aos establecementos a ofrecer descontos, vales de compra, sorteos ou promocións especiais, e convida tamén a bares, restaurantes e cafeterías a sumarse á ruta de tapas, unha proposta que permitirá dar a coñecer os produtos e a gastronomía local.

Desde a administración municipal encargaranse da difusión da campaña, coa elaboración da cartelería, programas e material informativo, así como da organización das actividades complementarias que completarán o evento.

Os negocios interesados poden inscribirse de balde antes do 7 de novembro na Área de Comercio do Concello de Arzúa, a través do teléfono 655 947 196 ou no correo info@turismoarzua.gal.

Tracking Pixel Contents