Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MAR

Berberecho e ecoturismo dan vida ao sector marisqueiro no Anllóns

A Xunta apoiou ao sector con 230.000 € nos últimos tres anos

A conselleira, á dereita, coa presidenta das mariscadoras e o alcalde.

A conselleira, á dereita, coa presidenta das mariscadoras e o alcalde. / MONCHO FUENTES

Cabana

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns (Cabana de Bergantiños), un colectivo que integra 30 traballadoras que centran a súa actividade na extracción e comercialización de berberecho.

No que vai de ano comercializaron 14.500 quilos de berberecho, cos que obtiveron uns ingresos de 116.350 euros, segundo datos de Pesca de Galicia.

Unha liña de traballo que, froito da súa aposta pola diversificación, complementan con outras accións como o ecoturismo, ofrecendo visitas guiadas para divulgar a riqueza do seu oficio, do patrimonio natural e da cultura marítima da zona.

Marta Villaverde analizou coas mariscadoras os resultados das actuacións realizadas durante este exercicio e puxeron en común a situación actual, tanto da agrupación como dos bancos marisqueiros que xestionan.

Destacou que a agrupación foi beneficiaria nos últimos tres anos dos apoios destinados ao reforzo e mellora da xestión dos recursos da pesca costeira artesanal e ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, por un importe conxunto de máis de 230.000 euros.

Subliñou ademais «o importante papel que xogan estas organizacións sectoriais no deseño de medidas eficaces de mellora das zonas produtivas e na posta en valor dos produtos do mar galegos, recoñecidos polo seu sabor e calidade».

Saúde ambiental

Villaverde estivo acompañada do alcalde de Cabana, José Muíño, e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez. O rexedor definiu ao sector marisqueiro como «fundamental para a saúde dos nosos ecosistemas mariños». As mariscadoras que cada día traballan no esteiro do Anllóns, engadiu, «son o motor que permite que o noso litoral goce dunha excelente saúde ambiental. Non só recollen produtos de altísima calidade coma o berberecho, senón que tamén desenvolven numerosas accións de limpeza e conservación que manteñen o esteiro vivo e cheo de riqueza».

Tracking Pixel Contents