Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MEDIO AMBIENTE

Eliminan un vertido de aguas residuais ao rego da Balsa, en Coristanco

O foco contaminante era un desaugadoiro da rede de saneamento local

Rego da Balsa, afluente do río Anllóns.

Rego da Balsa, afluente do río Anllóns. / X. G.

Coristanco

A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar un punto de vertido de augas residuais urbanas no lugar de A Varela-San Roque, en Coristanco, que afectaba ao rego da Balsa, que é un afluente do río Anllóns.

En concreto, persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) detectou a incidencia no marco dos labores rutineiros que realiza neste concello no marco da campaña de inspección da rede fluvial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

A orixe do foco foi identificada no desaugadoiro da rede de saneamento de titularidade municipal, que vertía directamente ao rego, sen depuración previa, as augas residuais recollidas no núcleo rural.

Tras poñer os feitos en coñecemento do Concello de Coristanco co fin de que adoptase as medidas oportunas para emendar o foco e logo de informar a Administración local da finalización das correspondentes accións correctoras -conexión da rede de saneamento da zona cara a un sistema de depuración de recente instalación-, os técnicos de Augas de Galicia volveron inspeccionar a contorna. Nesa visita comprobaron que xa non había ningún vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.

Tracking Pixel Contents