Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Estrease en Ames o documental Promover o galego dende o local

A produción, impulsada polo Concello e Nós Televisión, pon en valor catro programas municipais que fomentan o uso da lingua galega en diferentes ámbitos

Imaxe da gravación do documental

Imaxe da gravación do documental / Cedida

El Correo Gallego

Ames

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro luns, 17 de novembro, ás 19.00 horas, a estrea do documental Promover o galego dende o local, unha peza audiovisual que recolle o labor que se realiza desde o eido municipal para impulsar o uso do galego.

O traballo, producido por Nós Televisión e financiado polo Concello de Ames, destaca as diferentes iniciativas locais de dinamización lingüística como Galetiktokers, Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario de Ames.

O documental conta coa participación do alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, así como do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e das concelleiras Carmen Porto e Ana Belén Paz. Tamén interveñen as técnicas municipais Rosa Moreiras e Pilar Villaverde, ademais de docentes, alumnado e veciñanza implicada en proxectos de promoción da lingua.

A peza, de 37 minutos de duración, poderá verse en primicia o día 17 no Milladoiro e, a partir do 22 de novembro, estará dispoñible na canle de Youtube de Nós Televisión, na canle 9 de R en toda Galicia e tamén na plataforma Movistar Plus+.

Segundo explica a produtora, Promover o galego dende o local busca visibilizar o traballo das administracións municipais a favor da lingua, amosando experiencias que combinan creatividade, participación cidadá e compromiso coa cultura galega.

Tracking Pixel Contents