Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Foro Atlántico Empresarial de Vimianzo analizou as claves para asentarse e medrar nun polígono

Ofrecéronse as claves para acceder a licenzas, axudas e financiamento e abordáronse as oportunidades e desafíos do ‘inverno demográfico’

Pola esquerda, Rosana García, Mónica Rodríguez, Julio Abalde e Beatriz Sestayo, este xoves.

Pola esquerda, Rosana García, Mónica Rodríguez, Julio Abalde e Beatriz Sestayo, este xoves. / Cedida

Vimianzo

A casa da cultura de Vimianzo acolleu este xoves o III Foro Atlántico Empresarial, promovido por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) en colaboración co Concello para analizar a situación actual, a potencialidade e as perspectivas dos parques empresariais.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, definiu o encontro como «unha oportunidade única para coñecer as posibilidades, as vantaxes ou as axudas dispoñibles para asentarse nos polígonos».

Rosana García, deputada de Industria e Emprego da Deputación da Coruña, incidiu en que este foro «convócanos ao redor dun obxectivo común: seguir impulsando o desenvolvemento sostible e equilibrado da nosa provincia, promovendo o diálogo e a cooperación entre institucións, empresas e sociedade civil».

Beatriz Sestayo, xerente de SEA, incidiu na importancia das políticas de promoción de riqueza e emprego «como soporte fundamental para fixar poboación».

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, puxo en valor «o compromiso firme do Goberno de España co impulso da economía galega e o apoio real ás pequenas e medianas empresas, que son o motor do noso tecido produtivo» e salientou que máis de 60.000 beneficiarios en Galicia xa recibiron fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cun investimento total de 4.124 millóns de euros.

Tras as intervencións celebrouse a primeira mesa de debate sobre os polígonos como infraestruturas especiliazadas, na que dous avogados de SEA, Antonio Quintela e José Rey, expuxeron a evolución do proceso de implantación dos parques empresariais, os beneficios para as empresas, as licenzas, a seguridade xurídica e os requisitos necesarios para a instalación das empresas.

A segunda mesa versou sobre axudas e subvencións para empresas e emprendedores.

No terceiro bloque temático abordáronse distintas fórmulas e ferramentas de financiamento para empresas e o papel das entidades financeiras no impulso do investimento e do crecemento do tecido produtivo galego.

A continuación tivo lugar unha mesa de experiencias empresariais. No relatorio de clausura, Belén Trigo, doutora en Dereiro Civil pola Universidade de Santiago, falou sobre os desafíos e oportunidades do inverno demográfico, a despoboación, a nova economía dos servizos e a chamada economía da lonxevidade.

Tracking Pixel Contents