Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A RAG poñeralle o broche ao ano das cantareiras cun simposio en Muxía

Celebrarase o sábado día 22 no Parador e analizarase, entre outras cuestións, o papel dos colectores do folclore galego

Dorothé Schubarth, esq. coas cantareiras Elisa e Delfina.

Dorothé Schubarth, esq. coas cantareiras Elisa e Delfina. / Cedida

Muxía

A Real Academia Galega celebrará o Simposio das Letras Galegas 2025 o sábado 22 de novembro en Muxía, a localidade natal de Eva Castiñeira, unha das sete mulleres nas que se personificou este ano o Día das Letras Galegas.

O académico Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro popular galego que recompilou a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, asumiu a coorganización do simposio xunto a María López-Sández e Víctor F. Freixanes.

Os tres académicos concibiron un programa que se desenvolverá no Parador de Muxía a partir das dez da mañá e no que se falará de cuestións como o papel que tiveron os colectores do folclore galego, do aproveitamento do cantigueiro como recurso didáctico e do que este representa como espello da vida material e espiritual do pobo galego.

Haberá ademais ocasión para repensar a tradición desde o xénero e a clase social. Será nunha mesa redonda que contará con Domingo Blanco, autor de A poesía popular de Galicia (1745-1885), a profesora e intérprete de música tradicional Branca Villares e a etnomusicóloga Xulia Feixoo.

A programación continuará con dúas conferencias desde o campo da etnomusicoloxía, a cargo de Xulia Feixoo e Sergio de la Osa. Tras a devandita mesa redonda, xa pola tarde, Manuel Rico Verea ofrecerá unha ollada á edición dos cancioneiros populares, desde Marcial del Adalid ata chegar ao traballo de Schubarth e Santamarina.

Balance das Letras Galegas

O músico Xabier Díaz, o tamén músico e neto e sobriño neto das homenaxeadas Rosa e Adolfina Casás Rama, Richi Casás, e mais Isabel Vigo, técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, farán balance destas Letras Galegas e reflexionarán sobre as perspectivas de futuro da tradición, nun diálogo que dirixirá a académica Ana Boullón, impulsora da candidatura das cantareiras.

O encontro concluirá coa actuación musical da Asociación Cultural Abaladeiras de Muxía.

Tracking Pixel Contents