Arzúa homenaxeará a Castelao con teatro, conferencias e actos literarios
A programación comezará o sábado 15 cun tributo ás Irmandades da Fala e o izamento da bandeira galega na área recreativa de Ribadiso

Xoán Xesús Carril e Lucía López, na presentación da programación. / Cedida
O Concello de Arzúa presentou a programación do Ano Castelao, un conxunto de actividades culturais que se desenvolverán entre novembro e decembro para homenaxear a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 75 aniversario do seu pasamento.
O alcalde, Xoán Xesús Carril, e a concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, foi a encargada de dar a coñecer o programa, que inclúe actos institucionais, conferencias, teatro e presentacións literarias.
“Con esta programación queremos achegar a veciñanza de Arzúa ao coñecemento e á reflexión sobre Castelao, unha figura esencial para entender Galicia, que non só foi artista, escritor e pensador, senón tamén un político comprometido, adiantado ao seu tempo”, destacou López, quen lembrou que Castelao “foi quen de poñer a realidade galega e as problemáticas do pobo galego na axenda mediática e cultural da súa época”.
A programación comezará o 15 de novembro coa homenaxe ás Irmandades da Fala e o izamento da bandeira galega na área recreativa de Ribadiso, nun acto organizado en colaboración coa plataforma Vía Galega.
O 18 de novembro, na Casa de Correos, terá lugar a inauguración da escultura de homenaxe a Castelao, seguida da conferencia Castelao e Arzúa, a cargo de Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao.
“É unha honra contar coa presenza de Miguel Anxo Seixas, un dos maiores coñecedores da vida e obra de Castelao, para compartir connosco esta ligazón entre a súa figura e o noso concello”, engadiu a concelleira.
O 27 de novembro, a Capela da Madanela acollerá a representación teatral Retrincos de Castelao, dirixida a público xuvenil e adulto, con entrada libre ata completar aforo.
Por último, o 13 de decembro, a Libraría Anagrama será o escenario da presentación do libro Castelao, desta terra e deste tempo de Manuel Rei Romeu, nun coloquio aberto co autor.
“Falar de Castelao non é falar só do pasado, senón tamén do presente e do futuro. É falar do noso dereito a existir como nación no mundo”, concluíu Lucía López.
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El Fernando Alonso de Silleda ficha por McLaren: 'Es una de las promesas más brillantes del automovilismo europeo
- Santiago se queda sin servicios mínimos de transporte urbano: los piquetes impiden la salida de los buses de Amio
- El ensanche norte de Santiago obligará a desdoblar la Avenida de Asturias ante el incremento del tráfico
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Investigan a una vecina de Santiago por tener a cuatro simpapeles sin cobrar y viviendo en condiciones 'deplorables
- Aterrizan en Santiago las fresas con chocolate 'más famosas y virales del mundo