Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta eleva a aposta pola recollida separada dos biorresiduos domésticos

Apoiará os concellos o vindeiro ano con 3,7 millóns de euros

O alcalde de Lalín, José Crespo, e a conselleira Ángeles Vázquez, ambos os dous á esquerda, no acto celebrado en Lalín.

O alcalde de Lalín, José Crespo, e a conselleira Ángeles Vázquez, ambos os dous á esquerda, no acto celebrado en Lalín. / Cedida

Redacción

Lalín

A Xunta destinará un total de 3,7 millóns de euros o próximo ano a apoiar economicamente os concellos no impulso de proxectos para a recollida separada dos chamados biorresiduos (é dicir, a fracción orgánica do lixo doméstico) e no lanzamento dunha nova acción de formación e sensibilización dirixida a implicar á poboación na correcta xestión destes refugallos.

Así o destacou este sábado en Lalín a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen visitou o municipio pontevedrés por ser un dos 105 concellos que resultaron beneficiarios este ano das axudas convocadas polo seu departamento para proxectos relacionados con biorresiduos, aceites usados e residuos téxtiles e que se saldaron cun total de 8,1 millóns de euros concedidos.

Neste sentido, a responsable autonómica puxo en valor o papel que xoga a Xunta ao carón das entidades locais para facilitar o exercicio das súas competencias en materia de residuos e considerou imprescindible seguir brindando apoio económico ás administracións locais para axudalas a avanzar na redución da produción de refugallos, no incremento da reciclaxe e no fomento da concienciación ambiental da poboación.

Con tal fin, Ángeles Vázquez referiuse aos 8,2 millóns de euros reservados nos orzamentos do seu departamento de 2026 para convocar 7 liñas de axudas destinadas a mellorar a recollida separada dos diferentes tipos de refugallos domésticos a nivel local e cuxa convocatoria sairá publicada antes de que remate este ano, segundo avanzou.

Entre elas, destacou que, un ano máis, daráselle especial relevancia ás iniciativas municipais ligadas á recollida selectiva e posterior reciclaxe dos biorresiduos. Cómpre lembrar que esta fracción representa arredor do 40% da bolsa tipo de lixo doméstico e que desde o 1 de xaneiro de 2024 todos os concellos están obrigados a implantar a súa recollida separada, algo que no caso de Galicia xa teñen 295 municipios.

Ao respecto e co fin de darlle un pulo definitivo ao contedor marrón e aos distintos sistemas de compostaxe da materia orgánica a nivel doméstico ou comunitario, Ángeles Vázquez explicou que o ano que vén as entidades locais terán á súa disposición axudas para a recollida separada de biorresiduos destinada á compostaxe industrial (dotada con 730.000 euros) e á doméstica ou comunitaria (560.000 euros), ao tempo que se volverán convocar achegas para a compra de vehículos específicos para recoller este tipo de refugallos (cun orzamento para 2026 de 1,8 millóns de euros).

A estes apoios dirixidos especificamente aos concellos sumarase o lanzamento dunha nova acción formativa dotada con 605.000 euros e que buscará implicar á cidadanía na recollida separada e posterior reciclaxe da fracción orgánica. Esta iniciativa enmárcase na nova Estratexia de formación e sensibilización en materia de residuos deseñada pola Consellería e que o próximo ano contará cun investimento de 1,8 millóns de euros.

A maiores, a conselleira incidiu tamén en que os concellos galegos poderán optar en 2026, como novidade, ás achegas para dixitalizar a recollida separada dos residuos urbanos, ao tempo que se lle dará continuidade a algunhas das subvencións neste eido que maior éxito tiveron nos últimos anos, como as achegas para construír, comprar ou ampliar puntos limpos fixos ou móbiles.

Reparto de cubos, bolsas e composteiros

No caso de Lalín, cómpre subliñar que o Concello recibiu este ano dúas axudas por un importe de 163.000 euros para avanzar na recollida selectiva dos residuos orgánicos. Con estes fondos, o Goberno lalinense acaba de poñer en marcha a campaña Eu son do marrón, no marco da cal empezará a implantar dentro do termo municipal o contedor específico para depositar os biorresiduos, ademais de promover distintas accións a pé de rúa e en colexios para concienciar a nenos, mozos e adultos sobre a importancia de separar correctamente esta fracción do lixo doméstico.

En concreto, repartiranse entre a veciñanza 1.200 cubos para biorresiduos; 2.400 rolos de bolsas compostables de uso doméstico e outros 240 para grandes xeradores; 150 colectores con fechadura para instalar nas rúas do concellos e 500 composteiros domésticos para tratar os residuos orgánicos en vivendas particulares.

Tracking Pixel Contents