Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

RECOÑECEMENTO

Cee homenaxea a Mon Rey Senra, o eterno bibliotecario

A sala da Hemeroteca e Fondo Local levará o seu nome a partir do día 15

José Ramón Rey Senra 'Mon', foi bibliotecario de Cee durante 33 anos.

José Ramón Rey Senra 'Mon', foi bibliotecario de Cee durante 33 anos. / ECG

O sábado 15 de novembro terá lugar o acto de nomeamento da sala da Hemeroteca e Fondo Local da Biblioteca Pública Francisco Mayán como Sala Mon Rey Senra en homenaxe ao que foi durante 33 anos bibliotecario do Concello de Cee, finado este ano.

O acto comenzará ás 12.00 horas no auditorio Baldomero Cores. Na primeira parte intervirán o profesor de literatura e escritor, Miro Villar, e o técnico de xestión cultural e compañeiro durante tantos anos de Mon, Víctor Castiñeira. Despois da semblanza, que de seguro aportará diferentes anécdotas do que foi o traballo e a vida de Mon, terá lugar unha actuación musical especialmente preparada para esta ocasión a cargo de Fernando Fraga, profesor de acordeón do Conservatorio Profesional de A Coruña e director da Escola Municipal e da Banda de Música de Cee, e Martín Castiñeira, integrante da Banda de Música de Cee e alumno de 5º curso no Conservatorio Profesional de A Coruña, na especialidade de clarinete.

A continuación, na propia biblioteca, a alcaldesa, Margot Lamela, presidirá o acto solemne do descubrimento da placa que dá o seu nome á que ata o de agora é a Sala de Hemeroteca e Fondo Local.

José Ramón Rey Senra, “Mon” (1963-2025), ocupou o cargo de bibliotecario do Concello de Cee durante 33 anos. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, faríase cargo da biblioteca municipal coa categoría de auxiliar administrativo o 2 de xaneiro de 1989. Promocionaría anos despois a grupo C e finalmente, porque tiña titulación e pola súa dedicación, tivo a oportunidade, por promoción interna, de acceder ao grupo A2, o último que ocupou.

Ademáis do seu traballo na biblioteca, Mon foi testemuña do acontecer dos acontecementos máis importantes da vila de Cee desde a década dos 90. "A súa formación humanística e o seu excelente trato persoal con intelectuais como Baldomero Cores ou Francisco Mayán, e por suposto con todos os escritores e escritoras de Cee e contorna, fixo que estivera presente, dunha maneira ou doutra, na gran maioría dos eventos socioculturais do noso concello", afirma Víctor Castiñeira.

Pendente sempre de recabar toda canta información se publicaba sobre Cee, engade, "a el debémoslle a creación do Fondo Local na biblioteca, e diferentes artigos sobre a nosa historia a partir das súas investigacións nos Libros de Actas de Plenos do Concello, ademáis doutras publicacións nos medios de comunicación, sempre sobre temas que afectaban ao seu Cee natal", conclúe Castiñeira.

Tracking Pixel Contents