Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Recadan fondos cun 'crowdfunding' para intervir no Castelo de Portomeiro, en Val do Dubra

O colectivo Larada destinará os 500 euros a continuar coas escavacións arqueolóxicas na fortaleza altomedieval ubicada ao pés do río Tambre

Vinte doantes acudiron este sábado a Val do Dubra a coñecer o que se fixo e se está a facer no xacemento arqueolóxico.

Vinte doantes acudiron este sábado a Val do Dubra a coñecer o que se fixo e se está a facer no xacemento arqueolóxico. / Cedida

Redacción

Val do Dubra

A Asociación Cultural Larada, de Val do Dubra, recibirá os 500 euros que se recadaron nun crowdfunding organizado por Rutas de Historia, o proxecto divulgativo impulsado pola web www.historiadegalicia.gal. Eses cartos servirán para continuar coas escavacións arqueolóxicas iniciadas en 2020 para poñer en valor o Castelo de Portomeiro, a fortaleza altomedieval ubicada ao pés do río Tambre.

Este proxecto arqueolóxico competía con outros dous: a recuperación do Castro de San Lourenzo (Pobra do Brollón), impulsado pola Asociación María Castaña , e as intervencións arqueolóxicas no Mosteiro de Santo Estevo do Ermo (Barreiros), que promove Mariña Patrimonio e Adega.

O de Portomeiro recibiu o 45% do respaldo dos participantes neste crowfunding de Rutas de Historia, que ten como finalidade a posta en valor e o coñecemento da historia de Galicia.

En total foron sobre 40 os doantes que destinaron entre 5 e 50 euros para axudar entidades culturais a continuar cos seus proxectos de preservación do noso patrimonio. E 20 destes doantes acudiron este sábado a Val do Dubra a coñecer en primeira persoa o que se fixo e se está a facer neste xacemento arqueolóxico.

Acompañados por integrantes da asociación Larada, realizaron un roteiro de 15 quilómetros pola contorna de Portomeiro e coñeceron a evolución das escavacións no castelo de mans de Mario Pereiro Fernández, o aqueólogo do proxecto Castelos no aire, que desde o ano 2020 leva estudando este xacemento.

A medidados do ano 2020 a Asociación Cultural Larada adquiriu a propiedade do Castelo de Portomeiro, situado na parroquia de Portomeiro, en Val do Dubra. O obxetivo da asociación non era outro que o de protexer o xacemento en primeiro lugar, e promover dentro das súas posibilidades estudos e intervencións arqueolóxicas, así como divulgar e dar a coñecer este ben.

No mesmo ano da adquisición fíxose unha primeira intervención arqueolóxica promovida pola USC, o grupo Síncrisis e Castelos no Aire. En 2021 volveron as mesmas entidades a promover outra escavación, e de novo cuns resultados extraordinarios, atopando unhas das mostras de cerámica máis importantes de Galicia nesa época.

Acompañados por integrantes da asociación Larada, varios doantes realizaron un roteiro de 15 quilómetros pola contorna de Portomeiro.

Acompañados por integrantes da asociación Larada, varios doantes realizaron un roteiro de 15 quilómetros pola contorna de Portomeiro. / Cedida

En 2022 levaron a cabo unha terceira intervención, desta vez na parte sur do xacemento, escavando unha edificación de grandes dimensións que aínda hoxe se pode visitar.

“A A.C. Larada é unha asociación cultural bastante humilde e conta con moi poucos fondos. Autofinánciase con aportacións extraordinarias de socios, venda de merchandising e doazóns”, indica Iván Barcia, membro desta entidade.

A finais de xuño de 2025 a asociación pediu unha subvención de 6.000 euros á Xunta para unha nova intervención arqueolóxica. A entidade debe poñer o 20% restante para poder realizala.

Un dos obxectivos da asociación e do equipo arqueolóxico que lidera Mario Pereiro é consolidar e continuar nun dos edificios intervidos. Trátase dunha interesante construción, pegada á muralla, e que se cre que podería concentrar a industria metarlúrxica do castelo.

O Castelo de Portomeiro é unha fortificación altomedieval ocupada entre os séculos IX e X despois de Cristo, asentada sobre un anterior xacemento castrexo datable ao redor do século II antes de Cristo polos materiais cerámicos recuperados nos traballos arqueolóxicos realizados nos últimos anos.

En Portomeiro as defensas están constituídas pola muralla, os bolos de granito que funcionan practicamente como torres e puntos de observación e o propio emprazamento do castelo cun extraordinario dominio visual. A súa misión foi probablemente o control das vizosas terras agrícolas do val de Portomeiro e o paso do río Tambre dentro dun contexto histórico de reorganización dos poderes locais en relación ao desenvolvemento do núcleo urbano de Compostela, pouco tempo despois da descuberta da tumba do apóstolo Santiago.

Este crowdfunding foi realizado por Rutas de Historia. Este proxecto cultural pretende servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia e dos concellos que a conforman.

Tamén quere crear conciencia entre a veciñanza de que a historia e o patrimonio poden ser un valor engadido para a dinamización da economía local. Ata o momento xa son case 3.700 as persoas que participaron nalgún dos 60 roteiros realizados en 70 concellos de Galicia.

O proxecto Rutas de Historia naceu en 2017 da man do xornalista e profesor da USC Xurxo Salgado, co obxectivo de poñer en valor a nosa historia. Na realización destas andainas participan destacados historiadores, arqueólogas, divulgadores ou escritoras.

Tracking Pixel Contents