Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Primeiro paso do porto mixto de Corcubión coa exposición do estudo ambiental

O BNG celebra que as súas preguntas "actúen como detonante"

Recreación virtual do futuro porto mixto de Corcubión.

Recreación virtual do futuro porto mixto de Corcubión. / Cedida

Corcubión

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, confirmou no Parlamento que este martes comezou o trámite de información pública do estudo de impacto ambiental do futuro porto mixto de Corcubión por un prazo de 30 días hábiles, tal e como recolleu o Diario Oficial de Galicia. A documentación pode consultarse tamén na web de Portos de Galicia.

Álvarez lembrou que o proxecto está sometido a tramitación ambiental ordinaria segundo informou a Consellería de Medio Ambiente na avaliación ambiental polos «posibles efectos adversos sobre o medio ambiente». Esta tramitación, indicou, supón un proceso longo e complexo no que interveñen numerosos organismos e distintas administracións.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de alegacións, Portos iniciará as consultas oficiais ás entidades afectadas, entre elas, o Ministerio de Transición Ecolóxica; as consellerías de Presidencia, Sanidade, Medio Ambiente, Cultura e Mar; o Concello de Corcubión; as confrarías de Corcubión, Fisterra e O Pindo; a Federación de Confrarías da Coruña, o club náutico Carrumeiro, Adega; ou as sociedades galegas de Historia Natural e de Ornitoloxía.

O ente portuario contempla un investimento plurianual de preto de 10 millóns de euros para esta actuación.

"Máquina a funcionar"

O anuncio coincidiu coa comparecencia do presidente de Portos de Galicia para dar resposta a unha pregunta do BNG. A este respecto, o deputado nacionalista Óscar Insua, destacou a "eficacia" das súas iniciativas e preguntas, ao constatar que "actúan como detonante para que o Goberno autonómico poña a máquina a funcionar".

"Cada vez que traio a este Parlamento unha pregunta ou unha iniciativa, automaticamente a Xunta actúa", engadiu. A pesar de celebrar que o trámite xa está en información pública, Insua cuestionou a dilación temporal, recordando que o Goberno botou "un ano e medio" coa tramitación, "cando existen proxectos máis complicados elaborados en tempo récord".

Centrou ademais as súas críticas no escaso orzamento adicado ao proxecto, só 20.000 euros para 2026, sumando un total de 75.000 euros en tres anos. Unha cantidade que considerou "irrisoria" para unha infraestrutura de tal calado.

Inseguridade nos amarres

Sinalou que a urxencia da situación vén marcada polos repetidos incidentes que afectan ás embarcacións, tanto deportivas como profesionais, debido á falta dun porto seguro. Insua enumerou varios sucesos recentes: un veleiro á deriva o 30 de xuño, un iate o 25 de xuño, outro veleiro rescatado o 2 de setembro e un barco de recreo nas pedras da praia de Santa Isabel o 5 de novembro. "Esta mesma semana", alertou.

O BNG reclama, por tanto, fin ás dilacións, un compromiso orzamentario acorde coa envergadura do proxecto e accións inmediatas "que poñan fin á situación de risco que viven as embarcacións en Corcubión".

Tracking Pixel Contents