Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PATRIMONIO

Novo ‘ataque’ a unha alvariza de Vimianzo: rouban as lousas da de Cova do Raposo

Atópase preto da desaparecida Pedra Furada e da abellariza danada hai dúas semanas

Alvariza de Cova do Raposo sen as lousas de cubrición que foron roubadas.

Alvariza de Cova do Raposo sen as lousas de cubrición que foron roubadas. / Cedida

Vimianzo

O patrimonio de Vimianzo sofre un novo espolio, o terceiro en menos de tres semanas, o segundo que afecta a unha alvariza, e todos no marco do Monte Faro. Desta vez, a desfeita afecta ao apiario Cova do Raposo, de Ogas, ao que lle roubaron boa parte das lousas e outras foron derrubadas, segundo denuncia Carme Toba, de Apatrigal.

Curiosamente, dita alvariza atópase moi preto da Pedra Furada, tamén coñecida como Pedra do Encanto, unha singular rocha que desapareceu a finais de outubro, e da que nada se sabe aínda, e tamén cerca do apiario Cova do Raposo, que foi parcialmente destruído polo emprego de maquinaria pesada na contorna.

Arriba, estado orixinal da alvariza e abaixo logo do roubo das lousas.

Arriba, estado orixinal da alvariza e, abaixo, despois do roubo das lousas. / Cedida

O dono da alvariza foi quen se percatou do roubo en días pasados cando subiu a ver o monte, e quen deu conta do sucedido a Moncho Gándara, membro do Seminario de Estudos da Costa da Morte (Semescom).

Tanto Gándara, como Carme Toba, autora do libro, A cultura da mel na Costa da Morte, aseguran que na contorna do Monte Faro «hai alvarizas cun gran valor». Ademais das dúas referidas, nesa zona atópanse tamén as de Felgueiras e Fonte do Rato.

Todas elas dun gran valor patrimonial, «pero son elementos que contan cunha protección moi xenérica e sería preciso facer un inventario e un rexistro para que poidan ter unha maior protección», afirma Gándara.

Tracking Pixel Contents