Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Bloque amesán esixe melloras viarias e ampliar depuradora e o centro de saúde

Nas emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia reclaman tamén un centro de día e un plan para protexer A Ponte Maceira

As estradas nas que cren precisa unha intervención son a AC-544 en Trasmonte, AC-453 Roxos-Portomouro e corredor Pardiñas-As Galanas

O Grupo Municipal do BNG con González, dende a esquerda, Pampín, Espinosa, Seijas e García

O Grupo Municipal do BNG con González, dende a esquerda, Pampín, Espinosa, Seijas e García / BNG

Ames

O BNG de Ames vén de presentar emendas aos orzamentos da Xunta, esixindo un centro de día e a ampliación do obsoleto inmoble do Centro de Saúde e PAC de Bertamiráns para «contar cunha estrutura ben dimensionada e acondicionada no terreo cedido polo Concello». Do mesmo xeito, buscan ampliar a depuradora de Sisalde, e máis seguridade e un plan de conservación integral para A Ponte Maceira. Xa no que atinxe ás comunicacións, o Bloque xa pedira no Parlamento o reforzo da AC-544 e un paso de seguridade en Reino, reclamando tamén a mellora e a ampliación da AC-453 Roxos-Portomouro e a do corredor Pardiñas-As Galanas, que sae da AG-56.

Precisamente, os nacionalistas, en boca da súa voceira Escarlata Pampín, indican que o conxunto patrimonial da Ponte Maceira, que recibe cada ano milleiros de peregrinos e turistas, presenta numerosas deficiencias que afectan tanto á conservación como á seguridade das persoas visitantes e da veciñanza. Esta situación levou ao BNG a presentar no Parlamento varias propostas para acometer con urxencia o proxecto para a reconstrución da presa da Ponte Maceira, anunciada xa en 2023, e a necesidade de abordar un plan integral de conservación para esta contorna incluíndo os antigos muíños (un deles xa parcialmente derruído). Unha iniciativa que agora reforza coa inclusión desta demanda nas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2026.

No que respecta á estrada AC-544, de titularidade autonómica, a voceira nacionalista, Escarlata Pampín, lembrou que «o BNG levou xa ao Parlamento a necesidade de reforzar a sinalización e establecer medidas que permitan aos peóns cruzar a vía con seguridade, especialmente na zona de Reino, onde levamos dúas décadas reclamando solucións. A perigosidade deste tramo agrávase en días de choiva ou néboa, cando a mala visibilidade supón unha seria ameaza para viandantes e condutores». Esa "constante preocupación pola seguridade viaria leva aos nacionalistas a incorporar ás emendas a mellora e ampliación da AC 453 Roxos-Portomouro e da AG-56 no corredor Pardiñas-As Galanas, «consideramos que a humanización do Milladoiro non é posible sen a ampliación da AG-56 no viario Pardiñas-As Galanas e a AP9 libre de peaxes», recalca Escarlata Pampín.

E pra rematar, avogan pola ampliación da planta de depuración de Sisalde, que quedou totalmente desfasada debido ao crecemento poboacional dos últimos anos, xa que fora construída para tratar as augas residuais de 10.400 persoas, é outra das reclamacións históricas do BNG amesán e que, de novo, formará parte das emendas.

Tracking Pixel Contents