Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

A Xunta fixa en 2029 a data de remate da prolongación da autovía da Costa da Morte

O BNG cualifica a planificación de «aldraxe» á comarca

Autovía AG-55, que une Carballo con Baio.

Autovía AG-55, que une Carballo con Baio. / J. M. R.

Vimianzo

A directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, fixou o remate das anunciadas obras de prolongación da autovía da Costa da Morte no primeiro semestre de 2029.

Así o indicou na súa intervención no Parlamento, en resposta a unha pregunta do BNG. Defendeu tamén que o novo treito proxectado, de 5,5 quilómetros entre Santa Irena e Vimianzo, manteña o formato de corredor, como o último tramo de Baio a Santa Irena, sinalando que o tráfico medio está moi por debaixo dos 10.000 vehículos diarios que xustificarían o seu desdobramento como autovía.

De feito, María Deza, sinalou que no tramo de Carballo-Baio a media é duns 6.000 vehículos/día e no último treito ata Santa Irene apenas se superan os 5.000 diarios. Respecto do financiamento e ás partidas orzamentarias, sinalou que «hai crédito máis que suficiente» para licitar as obras orzamentadas en máis de 36 M€.

Continuidade ata Berdoias

Sinalou ademais que a Xunta de Galicia prevé dar continuidade a esta vía ata Berdoias (Vimianzo). «A principios de 2026 está previsto licitar o contrato de redacción do proxecto deste novo tramo», afirmou Deza.

Pola súa banda, o deputado do BNG, Oscar Insua, cualificou de «aldraxe á Costa da Morte» o anuncio de que as obras do primeiro tramo do corredor non se rematarán ata 2029. Respecto á xustificación do volume de tráfico, sinalou que «tal e como constatan os datos da propia AXI, son equiparables aos que lle serviron á Xunta para xustificar o remate da autovía da Estrada».

Insua lembrou ademais que a prolongación estaba paralizada desde o ano 2020 e criticou que o proxecto se fai «tarde, mal e arrastro, e nin sequera contempla o enlace co polígono de Vimianzo, algo que a directora xeral vinculou a que sexan os empresarios quenes demanden esta infraestrutura, cuestión que nos parece un despropósito».

Emprazou á Xunta a que empece a traballar no segundo tramo «desde xa para non ter que esperar ata 2050».

Tracking Pixel Contents