Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Suma de forzas para impulsar o porto mixto de Corcubión

Xunta, confraría e club marítimo valoran positivamente os pasos dados

Quinteiro, esqda., Domínguez, Álvarez e Suárez na xuntanza celebrada en Santiago.

Quinteiro, esqda., Domínguez, Álvarez e Suárez na xuntanza celebrada en Santiago. / Cedida

Corcubión

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo esta mañá unha reunión cos representantes das directivas da confraría de pescadores e do Club Marítimo Carrumeiro, de Corcubión, para informarlles do recente inicio do período de información pública do estudo de impacto ambiental do proxecto do porto mixto, por un prazo de 30 días hábiles.

Álvarez Vidal trasladou a ambas entidades promotoras do proxecto que o pasado martes o Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio deste trámite co que Portos de Galicia continúa avanzando cara á dotación dunhas novas instalacións para os profesionais e a náutica de recreo de Corcubión.

O proxecto está sometido a tramitación ambiental ordinaria ao tratarse dunha zona que forma parte da Rede Natura. Esta tramitación supón un proceso complexo no que interveñen numerosos organismos e distintas administracións públicas. Unha vez rematado o prazo para a presentación de alegacións, Portos de Galicia iniciará as consultas oficiais ás entidades afectadas, entre elas, o Ministerio de Transición Ecolóxica; as consellerías de Presidencia, Sanidade, Medio Ambiente, Cultura e Mar; o Concello de Corcubión; as confrarías de Corcubión, Fisterra e O Pindo; a Federación de Confrarías da Coruña; o Club Marítimo Carrumeiro; Adega; e as sociedades galegas de Historia Natural e de Ornitoloxía.

O presidente de Portos de Galicia lembrou que o ente público contempla un investimento plurianual de preto de 10 millóns de euros para esta actuación, dos que en 2026 consígnanse 20.000 euros para actuacións preparatorias de cara a, unha vez rematada a tramitación, licitar as obras.

Na xuntanza participaron, en representación da confraría Urbano Suárez Canosa e José Domínguez Buiturón, e Félix Quinteiro Álvarez, por parte do Club Marítimo Carrumeiro. Ambas entidades levan anos solicitando a remodelación das instalacións portuarias para garantir a seguridade das embarcacións que están fondeadas no peirao e mellorar os servizos ofertados aos usuarios destas instalacións.

Con tal fin, impulsaron unha iniciativa conxunta para executar esta obra e resaltan que, neste percorrido, sempre mantiveron un diálogo constante con Portos de Galicia, "que en todo momento manifestou o seu interese por ter en conta esta iniciativa e analizar as necesidades reais do sector pesqueiro e marítimo-recreativo desta vila", afirman.

Ademais, confraría e club elaboraron un estudo do impacto económico que esta obra suporía para apoiar a petición e poñer de manifesto "os beneficios e a dinamización económica e social que xeraría, non só para Corcubión, senón tamén para a Costa da Morte", engaden.

Logo do encontro mantido hoxe, manifestaron a súa "satisfacción polo avance neste proxecto" e instan a Portos a que continúe cos trámites pertinentes para que nun futuro próximo, "Corcubión sexa dotado dunhas instalacións portuarias seguras e adaptadas as necesidades actuais dos usuarios".

TEMAS

Tracking Pixel Contents