Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA MUNICIPAL

Áurea Domínguez: "O pacto da moción en Fisterra non é unha solución, é unha traizón"

O edil non adscrito crea o grupo Alternativa Enxebre

Áurea Domínguez, exalcaldesa e voceira de Alternativa dos Veciños de Fisterra.

Áurea Domínguez, exalcaldesa e voceira de Alternativa dos Veciños de Fisterra. / Cedida

Fisterra

A exalcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, e o seu grupo de Alternativa dos Veciños, cualifican "o chamado acordo programático para a gobernabilidade" acadado entre o PP e o concelleiro tránsfuga, Francisco Martínez, como "instrumento de conveniencia política cuxo obxectivo foi tomar o poder municipal a calquera prezo". Lamentan ademais que o documento se fixese público "tres meses despois de presentar a moción de censura".

O contexto real, afirma Domínguez, era "un goberno que funcionaba e estaba a exercer o seu labor con eficacia e resultados visibles. O Concello funcionaba, había proxectos en marcha e un clima de colaboración co tecido veciñal e asociativo. A oposición non tiña argumentos sólidos sobre ineficiencia nin irregularidades; só descontento polas ansias de poder do Partido Popular".

A exrexedora fisterrana asegura que "o PP, na oposición por terceira lexislatura consecutiva, viu a oportunidade de recuperar a Alcaldía pola porta de atrás, aproveitando o voto dun concelleiro apartado do goberno anterior por deslealdade continua e manifesta".

Asegura que a moción de censura "non foi un movemento de diálogo nin de reconstrución municipal, senón unha estratexia de conquista: conseguir o bastón de mando a través dun acordo persoal e opaco". A base do pacto, engade, non é un proxecto común nin unha visión compartida para Fisterra, "é un intercambio de conveniencias: o PP obtén a Alcaldía; o tránsfuga obtiña a relevancia política perdida e contrapartidas que finalmente non acadou por ser traizoado polos seus propios socios logo de obter a Alcaldía e non convocar o pleno de constitución ata que foi expulsado de Alternativa dos Veciños, polo que non puido obter nomeamento algún dentro do novo goberno".

Respecto do contido do pacto, Áurea Domínguez asegura que "ademáis de conter uns acordos sobre actuacións que xa se viñan realizando polo anterior equipo de goberno, recolle a negativa de levar a modificación do PXOM e o PEPRICH a debate e aprobación plenaria, sometendo estes importantes documentos a un retraso inxustificado que bloqueará a súa tramitación e paralizará a resolución de moitos problemas de gran importancia para o municipio".

Por todo iso, a exrexedora considera que "a verdadeira lectura do pacto é que é políticamente irresponsable porque xera estancamento, bloqueando proxectos fundamentais para o presente e futuro de Fisterra. O pacto da moción non é unha solución, é unha traizón".

Alternativa Enxebre Fisterra

Pola súa banda, o agora edil non adscrito, Francisco Martínez Traba, anunciou a través das redes sociais a constitución do partido Alternativa Enxebre Fisterra.

"A partir de agora, como concelleiro non adscrito, representarei a Alternativa Enxebre no pleno da corporación municipal do Concello de Fisterra. Seguimos traballando, seguimos loitando", afirma o concelleiro que facilitou a moción de censura.

Tracking Pixel Contents