Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dodro nega favoritismos nas licenzas de obra para a empresa Matadero del Sar

No Concello rexeitan as críticas da oposición, e lembran que a Xunta lle concedeu 1,1 millóns a esta compañía para investir

A firma pretende destinar 3.728.407 €, e a administración municipal subliña que terá que xestionar sempre os pertinentes permisos

Sede de Mataderos del Sar no concello de Dodro

Sede de Mataderos del Sar no concello de Dodro / GM

Dodro

O Goberno de Dodro, ante as acusación da oposición, garante a limpeza en tódalas solicitudes de licenza. Así, e en resposta ao grupo Unidade Veciñal de Dodro, o executivo local nega calquer favoritismo, e lembra, ao respecto do matadoiro, que a empresa Matadero del Sar, S.L. ten solicitado nos últimos meses distintos permisos de obra con distintas finalidades, tramitacións que «seguiron as canles e os procedementos habituais e a empresa pagou os impostos e taxas correspondentes» e, incluso, hai algunha aínda sen resolver.

Precisamente, nas última horas Unidade Veciñal preguntábase nas súas redes «como é posible que unha industria de Dodro se gaste 3.728.407 € en melloras tecnolóxicas e reciba unha subvención pública de 1.100.000 € sen licenzas de obras do Concello e onde este non recibe nada en concepto de imposto de construccións e obras?», concluíndo con que «o 3,5% de 3.728.407 € e son 130.494 euros que o Concello deixa de cobrar».

O cartel oficial que anuncia as melloras de Mataderos del Sar, e que Unidade Veciñal divulga

O cartel oficial que anuncia as melloras de Mataderos del Sar, e que Unidade Veciñal divulga / Unidade Veciñal de Dodro

Hai que lembrar que Matadero del Sar S.L. foi acredor dunha subvención de 1.100.000,00 € da Xunta De Galicia, segundo consta no Diario Oficial de Galicia de data 14 de agosto de 2023. Esta mesma publicación recolle que a axuda concedida ten como finalidade «incentivar os investimentos para a transformación e comercialización de produtos agrarios». Estes investimentos non teñen que ser, como pretende dar a entender UVD, unha única obra e poden incluír a compra de maquinaria, mobiliario ou outro tipo de bens non suxeitos a canons municipais.

A propia natureza da axuda obriga a unha transparencia absoluta, unha contabilidade específica que reflicta unicamente o uso dos fondos e a presentación de toda a documentación precisa. Se parte dos fondos son destinados a unha obra, a empresa terá que presentar a licenza correspondente ou a solicitude da mesma. Dende o goberno de Dodro queremos destacar que o investimento total da empresa Matadero del Sar SL en Dodro pretende alcanzar os 3.728.407,83 € polo que é de destacar que a parte privada é moi superior á pública.

«Emprazamos á Unidade Veciñal de Dodro a que non siga o camiño doutros grupos e se informe antes de publicar bulos que prexudican, máis ca ao grupo político que goberna, ao Concello e a imaxe de rigor que calquera institución pública debe ter», aportan dende a Alcaldía socialista, e subliñan que «tódalas empresas, tódolos grupos políticos e tódolos procesos poden ser criticados desde a sociedade e desde os seus representantes no concello. Esa crítica ten que ser feita coa verdade por diante, o populismo na política non ten cabida».

Tracking Pixel Contents