Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

TERRAFEST

Alana fixo bailar aos galegos en Xenebra con música da terra

O alcalde, Alfonso Gómez, natural de Corme, asistiu ao concerto

Un momento do concerto de Alana en Xenebra.

Un momento do concerto de Alana en Xenebra. / Cedida

Vimianzo

O grupo Alana, integrado por Antía (Oleiros), Pablo (Vimianzo) e Eloy (Ponteceso), ofreceu o seu primeiro concerto en Suíza no marco do Terrafest 2025, organizado pola Irmandade Galega e celebrado na Salle Communale d'Onex de Xenebra.

Ante un aforo de arredor de 300 persoas, a maioría galegas e galegos na diáspora, ofreceron cancións súas como Liñares, Foliada de Negreira, Cantares de Camariñas, Dorinda de Xacobe, Dolores Castiñeira ou Delfina de Añobres. Un dos momentos épicos da noite chegou cando subiron a cantar Consuelo de Muiñeira con Kike Varela, DJ que fixo un remix deste tema. 

Os integrantes de Alana co alcalde de Xenebra, o cormelán Alfonso Gómez.

Os integrantes de Alana co alcalde de Xenebra, o cormelán Alfonso Gómez. / Cedida

"Para nós foi algo tremendamente especial e marabilloso que levaremos no corazón toda a vida. Non coñeciamos esta cidade, neste país que tanto nos deu ás galegas e aos galegos, e a verdade é que polo pouquiño que puidemos ver nos está encantando. Grazas á Irmandade Galega en Suíza por convidarnos e tamén a todas as persoas que bailaron e cantaron con nós. De verdade que nunca esqueceremos este 15 de novembro de 2025", dixeron ao remate do seu concerto.

Encontro co alcalde de Xenebra

Entre os asistentes ao concerto estaba o alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez, natural de Corme (Ponteceso), que acudiu á Salle Commonale d'Onex expresamente a ver a Antía, Pablo e Eloy, cos que comparteu un momento ao remate da actuación. Dá a casualidade que Eloy Vidal, un dos integrantes de Alana, tamén é de Corme.

Música tradicional e pop

Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro forman Alana, un proxecto musical que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. A proposta da banda parte das recollidas, un traballo feito coa colaboración de moitas mulleres que, desinteresadamente, contribúen a preservar a riqueza da música e da tradición de Galicia. 

TEMAS

Tracking Pixel Contents